Opinión

1977: ano decisivo para o sindicalismo

O 1977 non é un ano calquera para o sindicalismo en Ourense, trátase do momento clave para a implantación das organizacións sindicais e polo tanto, é fundamental para o movemento obreiro desta provincia.


Naqueles momentos, cos sindicatos de clase recentemente legalizados, pero co aparato represivo e a maquinaria do franquismo funcionando, teñen lugar os movementos de masas obreiras máis importantes, con celebración de asembleas masivas de sector ou empresas e numerosa participación de traballadores e traballadoras en tódalas convocatorias de actos reivindicativos. Son o reflexo da esperanza dun cambio social e os anhelos de liberdade e xustiza, os que provocan todo un movemento en torno aos sindicatos de clase para acabar co sindicato vertical e o o réxime fascista.


Eran os comezos da acción do sindicalismo nacionalista, que baixo as siglas de Sindicato Obreiro Galego estaba promovendo ou participando en importantes loitas pola consecución de convenios colectivos de sector e que xunto con outras organizacións sectoriais de traballadores confluirían naquél ano na central sindical I.N.G., xerme do que hoxe é a C.I.G.


Eran momentos moi difíciles pola escasa introdución que tiñamos todas as organizacións, agás as que tiñan cadros sindicais metidos nas estructuras sectoriais do sindicato vertical, e sobre todo pola falla de experiencia e capacidade de loita dunha clase traballadora conformada nesta provincia pór unha maioría de traballadores simbióticos, que compaxinaba a súa actividade de asalariado co traballo na agricultura, por mor da falla de industrialización e onde tiña tamén moita importancia como factor de desunión a existencia de pequenas empresas, moitas delas dispersas no medio rural, zona de forte implantación do caciquismo.


Pasar de corenta anos de ditadura, con prohibición absoluta de toda posibilidade de organización e con unha forte represión, a empezar a ter organizacións galegas propias, foi un paso de xigantes e de gran responsabilidade.


Si non fora por aquelas loitas, das que se cumpren agora 30 anos, non poderíamos falar de moitas melloras que os traballadores-as ourensáns temos acadado nese tempo Sen apenas medios nin experiencia, pero cunha enorme ilusión e ideoloxía de clase, afrontáronse loitas sindicais que mudaron moito un panorama laboral de sobreexplotación, onde non existían convenios e a lei que se aplicaba era a do patrón, que asfixiaba calquer intento de reclamación.


Naquel contexto celebráronse as primeiros folgas nos sectores de Construción e despois Madeira. A primeira dirixida pola CSUT, despois integrada na CIG, que aproveitando a forte concentración de obras na cidade paralizou o sector varios días, decantándose a loita do lado dos obreiros que asinaron un bo convenio. A da Madeira, protagonizada en solitario polo SOG-ING, que durou máis dun mes ata asinarse o primeiro convenio do sector, converteuse na máis difícil e de maior duración de cantas houbo na provincia. Topamos de fronte cos que aínda suspiraban por manter o franquismo e reprimiron manifestacións, detiveron ao líder da folga, utilizouse a veciños para enfrontarse aos piquetes, obrigaron a asinar finiquitos a traballadores, foi unha verdadeira cruzada contra un tipo de sindicalismo que empezaba a andar no noso país. Naquela loita forxáronse importantes cadros sindicais que foron fortes columnas e claves na construción do sindicalismo nacionalista, por nomear a alguén, entre moitos, destacar a participación de Anxo Rúas que liderou a folga aos seus 20 anos e que supuxo o seu bautismo en loitas obreiras xunto con outros traballadores do sector, como Dorrío, Paco, Alexandro, etcétera, que defenderon nas empresas o sindicalismo que estaba nacendo.


E certo que queda moito camiño por andar para conseguir unha sociedade máis xusta, pero tamén é verdade que, si non fora por aquelas loitas, das que se cumpren agora 30 anos, non poderíamos falar de moitas melloras que os traballadores-as ourensáns temos acadado nese tempo e das que foi protagonista destacado o sindicalismo nacionalista.


Moitos daqueles mozos e mozas dos anos setenta que o construíron e que ergueron as primeiros bandeiras, pasaron pola historia do sindicalismo como anónimos traballadores-as aos que con frecuencia esquecemos e aos que a mellor maneira de honrar é seguir os seus pasos firmes e avanzar nos mesmos principios e obxectivos que eles defenderon.

Te puede interesar