Opinión

A casa dos Brasa na Praza Maior

Casa da familia Brasa con torre telefónica.
photo_camera Casa da familia Brasa con torre telefónica.

Auriabella, así denominaba a Ourense a condesa de Pardo Bazán, comezou no Vilar, composto pola Praza Maior, a Barreira mailas Burgas; este lugar de augas quentes converteuse nunha encrucillada de viais na que naceu o comercio do interior da Galicia.

A cidade tivo o seu centro vital na Praza Maior á que lle deron, os máis variados nomes: “Praza do Campo”, “Campo”, “Praza Maior”, “Praza da Constitución”, “Praza Real” ou “Praza da República Federal. 1873”. Foi o centro dos poderes social, político, relixioso. A súa peculiaridade dalla que é cuadrangular e vai inclinada cara á rúa Barreira. As casas das súas catro fachadas non posúen unidade arquitectónica ningunha, algunhas teñen balcóns voados sobre ménsulas superpostas e están datadas nos séculos XVI ó XX. Moitas, orixinariamente, eran de pallabarro e, hoxe en día, están construídas en granito.

A fachada norte caracterízase porque a liña construtiva é máis ampla e de máis empaque que as dos outros laterais pracegos onde merecen ser destacadas as casas que o Cabido catedralicio, a comezos do século XVIII, encargara a súa construción ao canteiro Benito García, da fregresía de San Miguel de Carballeda.

Placa de Lamas Carvajal realizada na Fundición Malingre.
Placa de Lamas Carvajal realizada na Fundición Malingre.

Florentino L. Cuevillas recordaba que Auriabella non contou ata comezos do seculo XV con fidalgos establecidos dentro dos seus cercados. Foron os Cadórniga os que levantaron a súa residencia na esquina da Praza Maior coa rúa de Lamas Carvajal.

A construción que a substituiu foi realizada na segunda metade do século XVII e pertence secularmente á familia Brasa; figura co número 8 e fai esquina coa rúa Lamas Carvajal (chamada antigamente, rúa Nova ou do Instituto); dela, o que máis resalta é o fermoso e artístico balcón situado no primeiro andar. Na súa fachada da rúa Lamas Carvajal acolle unha marabillosa placa do escritor realizada na fundición Malingre.

Poema sobre a confeitaría dos Brasa.
Poema sobre a confeitaría dos Brasa.

Neste edificio existía unha pequena torre; esta e o derradeiro andar superior ocupábaos unha empresa telefónica. O 20 de xaneiro de 1937, ás tres da tarde, no tempo no que Constantino Brasa era o seu propietario, prodúxose un voraz incendio no terceiro andar quedando destruidas a torre e as dúas derradeiras plantas.

O fogar da familia Brasa acollía social e cotiamente reunións de moito ringo rango mentres que o baixo estivo, de continuo, ocupado por diversos negocios de recoñecida sona: unha carbonería, un comercio adicado á venda de patacas da señora Malingre, un forno e unha confetaría, ambas da familia Brasa. Lamas Carvajal, no xornal “Tío Marcos da Portela” de 1884, inseria publicidade en galego enxebre que o caracterizaba tanto; nun dos números, escribiu unha poesía recoñecendo “as virtudes” da confetaría de Brasa na que ofrecía rosquillas de Ribadavia, pestiños de Brasa, pestiños de Don Isidro Brasa, que era o gran confiteiro.

A “Camisaría Prieto” foi o derradeiro negocio de moda que acolleu o baixo local.

O negocio de máis sona que acolleu o baixo número 8 dos Brasa foi a panería de Benito Fernández Alonso, cualificada esta por Ramón Otero Pedrayo como “a tenda de xéneros serios de don Benito” e tamén como “a tenda de panos graves e finos”.

A casa da familia Brasa na fachada norte da Praza Maior.
A casa da familia Brasa na fachada norte da Praza Maior.

O faladoiro de Benito reuníase na panería estaba composta pola xente estudosa da cidade cun número case fixo de postulantes aos que se unían investigadores á vez que eruditos, que se trasladaban ex-profeso a Auriabella para participar nela. O seu atrativo era que estaba presidida por Benito e D. Marcelo Macías que eran amigos e compañeiros na Comisión Provincial de Monumentos Históricos e no Boletín da Comisión; nel, ambos publicaron máis dun cento de artigos cada un. D. Marcelo era crego, catedrático de Retórica e Poética, e director do Centro Provincial de Instrución Pública (hoxe, Instituto Otero Pedrayo), fillo adotivo de Ourense e Galicia. Benito non era menos aínda que abandonou os estudos eclesiásticos pero foi investigador, historiador, escritor, comerciante, cronista da cidade de Ourense e un dos fundadores da Real Academia Galega como D. Marcelo e presidente da asociación da prensa ourensá, en 1918. Benito, políticamente, foi concelleiro do Concello de Ourense, en 1890, e deputado provincial de Ourense polo Barco-Viana, en 1904.

Neste faladoiro de Fernández Alonso aconteceu, en 1904, a emocionante despedida da Manuel Curros Enrique, en 1904, de Ourense, de Marcelo Macías porque regresa a a Cuba desde A Coruña, onde recibiu a homenaxe de Galicia coa recepción da coroa laureada. A comitiva formada por amigos que acompañaba a Curros na súa despedida a encabezaba Marcelo Macías ademais de Modesto Fernández González e Arturo Vázquez Núñez percorreu Ourense, para despedirse dos amigos, comezándoo na botica dos Temes, na praza do Ferro, e remataron no negocio de Benito Fernández Alonso. De seguro, que farían paradas no faladoiro de Ojea e Carvaxal e na libraría de Resvie. Benito, no seu libro “Orensáns ilustres”, fala da relación de Curros con D. Marcelo: “Triste presentimento, o seu adeus, cando ao partir de Ourense, dixo a Marcelo Macías e a min: “Unha mala estrela condéame a vivir fora da miña terra e alónxome para non volver a ela”. Daquela, dos ollos currosianos, esvararon dúas grosas bágoas que deixaron aos presentes unha impresión tristísima”.

Vai claro que a familia Brasa, coa súa propiedade, dinifica a Praza Maior. Auriabella debería protexer e recuperar o centro histórico vilego como síntoma de orgullo e progreso.

Te puede interesar