Opinión

A conxura contra Galicia

A expresión máis repetida respecto dos devastadores lumes da pasada fin de semana foi a de “terrorismo incendiario”. Nela concretou a súa acusación principal o presidente da Xunta na declaración institucional que, a este respecto, fixo o pasado luns. E parece que a maioría da opinión pública quedou conforme con esa explicación, sen necesidade de máis probas. Pero a min, permítanme que llo diga, non me convenceu.

Aínda así, non é a primeira vez que se fala de terrorismo incendiario en Galicia. A desapropiada expresión xa fora utilizada en agosto do 2006, cando, logo dunha vaga de incendios semellante á de agora, na que se perderan outras catro vidas e se calcinaran arredor de 70.000 Ha (o dobre ca nesta), a xente, convocada pola Plataforma Nunca Máis, nas antípodas ideolóxicas do PP, se manifestara en Santiago baixo o lema: “Lume Nunca Máis. Paremos o terrorismo incendiario”. E digo “desapropiada expresión” porque penso que “terrorismo” é unha palabra moi forte, que non debería banalizarse, e tan só utilizarse cando as probas xustificasen o seu uso: e de momento non é o caso.

A raíz da vaga do 2006, a Fiscalía Superior de Galicia realizara un amplo estudo sobre a actividade incendiaria –o máis serio dos realizados ata agora-, do que quixera lembrar dúas conclusións. Primeira: contra o que anunciaran algúns mandatarios políticos da época –por exemplo Rubalcaba, daquela ministro do Interior-, non existía proba algunha da existencia de tramas ou de terrorismo incendiario, nin para os incendios do 2006 nin para os dos anos anteriores. Segundo: aquela vaga non podía considerarse extraordinaria, xa que tódolos anos próximos anteriores houbera cando menos unha, coa diferenza de que ese ano as condicións climáticas foran especialmente extremas. 

Sabido isto, e salvo que me presenten probas concluíntes noutro sentido, séguenme parecendo totalmente válidas as conclusións daquel estudo, coa particularidade de que a pasada fin de semana as condicións climáticas aínda foron máis favorables á expansión do fogo cás do 2006, pois a seca era agora moito máis pronunciada e a intensidade do vento moi superior.

Despois de catástrofes inexplicadas tende o poder a inventar conxuras e conspiracións, que, no mellor dos casos, só contribúen a fomentar odios e división social. Sempre houbo incendios e incendiarios, e sempre os haberá. Trátese de minimizar o número de ambos: pero de xeito profesional  e científico, non postulando supostas confabulacións de inimigos da patria. E trabállese para que, unha vez declarados os incendios, produzan o menor dano posible.

Pero claro, avanzar nisto último é moi difícil. No interior de Galicia, co despoboamento, propiciouse que o monte chegase ós núcleos habitados, antes tradicionalmente separados do bosque por unha franxa de terra traballada. E na costa, coa especulación inmobiliaria, propiciouse o contrario: que as casas se desprazasen ó monte. Ademais hai outro factor, talvez o máis ameazante: o cambio climático, que anuncia maiores temperaturas, menos chuvia e fenómenos cada vez máis extremos, tendencias que, por certo, xa estamos constatando nos últimos anos.  

Non, non pinta ben. O que pasou hai unha semana, sinto dicilo, é probable que se repita, e incluso de xeito máis tráxico nos próximos anos. Urxe tomar en serio estas ameazas e acometer de contado as medidas de prevención necesarias. En consecuencia, eu recomendaríalle ós políticos que se deixasen de cábalas sobre confabulacións e terrorismos incendiarios, e que se puxesen a traballar dunha vez sobre o fondo do problema. Porque o tempo aprema.

Te puede interesar