Opinión

Haxiografía

A haxiografía, do grego haxio ‘santo’ e grafos ‘escritura’, trata do relato da vida dos santos. E a min gústanme estas lecturas. Coller a Lenda Dourada de Xacobe da Vorágine, escrita a mediados do século XIII, e repasar a vida dalgún santiño á beira do lume é un dos meus xeitos preferidos de acometer as noites do inverno. Ocorre tamén que sempre me apetece escribir sobre isto cando se acerca o San Blas, que é o meu santo protector, como xa contei noutra ocasión. A algúns isto da vida dos santos parécelle cousa de beatas, e hai que perdoar a súa ignorancia; lonxe diso, os relatos haxiográficos están no cerne da nosa cultura. Tanto é así que o ciclo histórico ó que pertencemos ábrese en Galicia hai aproximadamente mil anos arredor da parroquia rural -a que aínda Castelao consideraba “unha das máis punxentes características da nosa Terra”-, e tal institución sempre aparece encomendada a un santo patrón. Pode que ese ciclo histórico estea dando os seus últimos estertores, pero o que queira entender a historia e a cultura de Galicia non pode prescindir dos humildes santiños labregos, que era como cariñosamente lles chamaba Otero Pedrayo.

Cos santos, o Cristianismo utilizou a mesma idea dos heroes da mitoloxía clásica. O fin era someter ó home o mundo natural –dos bosques, das fontes, dos astros-, que era o obxecto de veneración das relixións máis antigas. Coma os heroes, os santos sobresaíron pola súa vida exemplar, pero sobre todo pola súa morte –por iso os primeiros foron os mártires-, e non sendo inmortais non caían no esquecemento coma os demais; despois de mortos debíaselle culto por considerar que influían positivamente sobre os vivos, neste caso como intercesores ante Deus. Dese xeito, arredor dos santos, igual ca ocorrera antes cos heroes clásicos, foise construíndo na Idade Media un relato de ficción, dotado dun contido entre relixioso e didáctico, que é o obxecto da haxiografía. Así, se Héctor, Aquiles, Ulises, ... foron os heroes clásicos; San Pedro, San Pablo, Carlomagno, ... ocuparon o seu lugar na mitoloxía cristián. Só en Galicia, arredor dun cento e medio destes santos ou heroes cristiáns levan un milenio no padroado das nosas parroquias: imaxinen ata que punto a mitoloxía dos santos non estará impresa no noso xeito de vida e no mundo das nosas crenzas.

Pero o mundo cambiou moito nestes últimos anos. As antigas mitoloxías xa non valen para esta época lóxico-científica. Aínda nos serven ós que nacemos hai máis de medio século, pero apenas ós máis mozos. É outro grave problema que afronta a xente nova; porque todos precisamos contarnos historias sinxelas que nos poñan de acordo co mundo no que vivimos e que sirvan para harmonizar as nosas vidas. E neste momento os mozos carecen delas, porque non todos se van poñer a ler a Thomas Man, a Joyce ou a Orwell, nin, por suposto, van volver á misa nin ó rosario. O individualismo, a violencia, tamén a corrupción, son síntomas dun mundo descrido e desmitoloxizado, pero o establecemento dunha mitoloxía é un proceso lento, que non parece posible acompasar co ritmo acelerado de cambio da sociedade científica.

Pouco antes do seu falecemento en 1987, preguntáronlle a Joseph Campbell, o gran mitólogo estadounidense, que vía no futuro. El contestou que non o sabía, pero que sempre que chega o fin dunha época e o comezo doutra, un período de tremenda dor e de grandes turbulencias sacude o mundo. E lembraba un poema de Yeats, A Segunda Chegada: “Xirando e xirando no remuíño que medra/ non consigue o falcón escoitar ó falcoeiro;/ todo se desfai, e o centro cede…/Ós mellores fáltalles convicción, e os peores/ aparecen exultantes de paixón”.

Te puede interesar