Opinión

Nosa señora da ó

O endiañado panorama político español pode ser unha das causas do abandono de  algúns dos  meus temas favoritos: a historia, a onomástica, a haxioloxía... Ata un amigo, e non obstante lector fiel dos meus artigos, me  lembrou que levaba tempo sen escribir de San Clodio. Así que, se mo permiten, retomarei este domingo esas temáticas tan queridas, non sexa que os acontecementos me obriguen a deixalas de novo. E fareino escribindo sobre unha devoción pouco coñecida: a de Nosa Señora da Ó, cuxa festividade celebra a igrexa tal día coma mañá, 18 de decembro.

Preguntaranse vostedes de onde vén o meu interese por esta singular advocación da Virxe María, e direilles que da lectura dun vello documento. Ata ese momento confeso que a única María de la O que coñecía era a da copla, a que fala daquela xitana “tan desgraciaita” “teniéndolo tó”... Por iso, cando lin nese documento, de 1565, que miles de romeiros baixaban a San Clodio ós días 17 e 18 á “romeria e fiesta de Nuestra Señora de la O”, non podía crelo, ata que unha amiga experta en paleografía me confirmou que, en efecto, iso era o que poñía.

O documento, que se atopa no Arquivo do Reino de Galicia, recolle unha querela criminal dos veciños e partido “del Monasterio de San Clodio del Ribero Dabia” –atentos eses deturpadores de nomes que, por ignorancia e/ou mala fe, insisten en chamarlle “Mosteiro de San Clodio de Leiro”- contra os maiordomos dos condes de Ribadavia nas súas terras do Couto de Anllo, do Chao de Amoeiro (non dos Chaos de Amoeiro) e da fortaleza de Roucos, por deter ós romeiros que ían a San Clodio con “muchos puercos cebados, pan e trigo en grano y paños y zapatos e otras muchas mercadorias” e obrigalos a facer feira en Anllo, pretendendo cobrarlles alí a alcabala (tributo sobre as vendas que recadaba o señor xurisdicional) e así prexudicar a feira do mosteiro... Xa ven como as gastaban os condes de Ribadavia, cuxa utilización da forza bruta en contra das xurisdicións monacais, especialmente da de San Clodio, resultou habitual, a pesar das reiteradas sentencias da Real Audiencia dándolle a razón ós mosteiros.

Pero volvendo á Nosa Señora da Ó, hai que dicir que é devoción de orixe hispano. Fora establecida por San Ildefonso de Toledo no século VII co título de Expectación do Parto da Virxe María, pero pronto pasou a coñecerse co nome de Nosa Señora da Ó. A razón para o cambio onomástico estaba no tradicional canto nas vésperas da última semana de Advento (do 17 ó 23 de decembro) das denominadas antífonas maiores, pregarias que comezan coa exclamación Ó!: de aí o nome.

A iconografía de Nosa Señora da Ó, que presenta o ventre embarazado da Virxe, non lle debía de gustar moito á Igrexa da Contrarreforma, e menos á de despois do dogma da Inmaculada Concepción, proclamado a mediados do século XIX. Foi iso o que levou a un relativo silencio sobre a antiga devoción e ata á ocultación de numerosas imaxes de Nosa Señora da Ó. Perdeuse, por exemplo, a que de seguro había en San Clodio, pero consérvanse algunhas: unha por exemplo na Catedral de Ourense, que data do século XVI, obra dun mestre de Portugal, país no que esta Virxe tamén foi moi venerada. Así mesmo, resulta notable que dúas parroquias galegas manteñan a súa advocación: a de Nosa Señora da Ó, en Muxía, e a de Nosa Señora da Ó de Mormentelos, en Vilariño de Conso.

Tal día coma hoxe, na época do documento, escoitaríase en San Clodio o fermosísimo canto gregoriano da primeira antífona maior do Advento, a “Ó Sapientia”. Traducida, comeza dicindo: “Ó sabedoría, que brotaches dos beizos do Altísimo”; e remata: “Vén e amósanos o camiño da prudencia”. Que falta nos vai facer non apartarnos del...

Te puede interesar