Opinión

O Mundial

Ata mediados de xullo, salvo catástrofe planetaria, ningún evento gozará da relevancia mediática do mundial de fútbol. Porque se trata do maior espectáculo do mundo: ningún outro acontecemento cultural concita a atención de tanta xente en tódolos continentes. Non obstante, é relativamente novo, como  o son todas as competicións deportivas que son espectáculos de masas. A maioría naceron como tales no período de entreguerras (1919-1939) -coma o fascismo-, cando superaron o espírito orixinal da práctica deportiva, estritamente pedagóxico, para transformarse en diversións de masas; un cambio favorecido pola urbanización, a construción de grandes recintos e a chegada dos noticiarios cinematográficos e radiofónicos. Aínda así, o ciclismo e o atletismo foron favoritos das masas antes có fútbol, que celebrou o primeiro mundial en 1930, en Uruguai, onde no participou España. Pero o verdadeiro auxe do campionato produciuse a partir do mundial de Brasil de 1950, que é desde cando se celebra seguido cada catro anos.

Os afeccionados ó fútbol adoitamos utilizar os mundiais como referencia do paso do tempo. O meu primeiro mundial na memoria foi o de Inglaterra 66, que estreaba televisión en directo e repetición das xogadas. Vin todos os partidos no Bar Alfonso de Ribadavia, e lembro tan ben o gol da furia de Sánchis contra Suíza, coma o gran desgusto pola perda e eliminación fronte a Alemaña, por 2-1, logo  de comezar gañando con gol de Fusté. Logo veu a nosa ausencia de México e de Alemaña, no 70 e no 74, mundiais nos que eu ía por Brasil por unha razón de peso: tiña boa parte da familia alí. E despois veu a clasificación para Arxentina 78, xa coa televisión en color, co gol de Rubén Cano en Belgrado, nun partido que se xogara á mañá e que vira nun ateigado Bar Fontecada, na Praza Roxa de Santiago: por onde non pasaran nin coches nin persoas durante as dúas horas que durara aquela batalla campal; logo o papel de España fora penoso, salvándose se acaso da desfeita Miguel Angel, o porteiro ourensán do Real Madrid. No 82 foi o mundial de España, e outra gran decepción cos nosos, pero o fútbol fora fantástico; dous partidos, Brasil-Italia e Alemaña-Francia, están entre os mellores da historia dos mundiais. México 86 foi o mundial de Maradona, pero tamén o de Buitragueño, ‘O neno’, e o do gol fantasma de Michel contra Brasil; para min foi o de Carballo, vendo os partidos co meu lembrado amigo Carracedo, a golpe de cubatas, no bar de Artes. Dos posteriores tamén me lembro, especialmente do de Sudáfrica, polo trunfo de España, pero xa non tanto: coa vida adulta as paixóns da mocidade vanse atenuando, e a memoria xa non fixa de igual xeito aquilo que nos acontece.

Cambiou moito o fútbol nos últimos vinte ou trinta anos. Se no pasado o importante era o deporte, hoxe éo o espectáculo que sostén un negocio multimillonario e unha ideoloxía global, bastante parecida a unha relixión. Unha nova modalidade do “panem et circensis” romano, no que os futbolistas, mercenarios ó servizo do mellor postor, xogan o papel dos antigos gladiadores. Unha gran maquinaria propagandística ó servizo do poder e dos cartos: que importa, por exemplo, que Rusia non respecte dereitos democráticos, que interfira nas eleccións doutros países ou que manteña a guerra en Ucraína? Nada: hai negocio e hai goles.

 Aínda así, descúlpeme Ferlosio, o fútbol é un deporte marabilloso, e un mundial unha fermosísima competición: que sempre paga a pena ver.

Te puede interesar