Opinión

Philip Roth (1933-2018)

Leo bastante. Pero unha sentencia de Pla que teño no meu “blog” pode sorprender. Di: “O home que a partir dos trinta e cinco anos le novelas é un cretino”. En consecuencia, talvez non cabería esperar de min o eloxio dun novelista con motivo do seu pasamento. Talvez, pero dáse a casualidade de que era o único novelista vivo que seguía. Novelistas clásicos leo e releo a bastantes, pero todos están mortos. O último vivo que seguira fora Delibes e xa hai oito anos que faleceu, os mesmos ca da publicación da última novela de P. Roth: Némesis.

A sentencia de Pla é unha “boutade”, pero cun fondo de razón: a vida ensínalle ó home maduro que a realidade supera infinitamente á imaxinación, e que as intrigas e desenlaces das ficcións noveladas acaban perdendo interese fronte ás que nos vai propoñendo a vida a partir de certa idade incerta. Xusto desas propostas azarosas da vida e do  impacto que teñen en  nós foi do que escribiu Roth.

Roth nacera en Newark, cerca de Nova York, nunha familia xudía. E tanto Newark coma os xudeus aparecen repetidamente na súa obra; por iso algúns críticos o consideran un escritor rexional, o mesmo que por centrarse exclusivamente na sociedade americana. Trátase sen dúbida dunha apreciación inxusta: Roth sempre dixo que escribía sobre o que coñecía: por iso non debería estrañar que o fondo dos seus relatos, tanto o xeográfico coma o social, fose o propio, como tampouco que aparezan con frecuencia alter egos do autor nas súas novelas. Pero máis alá de todo iso, os temas de Roth son os universalmente importantes para o home maduro: o sen sentido da vida, o valor da memoria e da familia, a vellez, o impulso sexual (especificamente o do varón na súa decadencia física), a enfermidade, a morte... Si: Philip Roth non é autor para rapaces.

A min gústanme especialmente dúas novelas súas: Pastoral Americana (1997) e Némesis (2010). Na primeira analiza a fraxilidade do soño americano, ou o que é o mesmo, do soño occidental. Newark anos sesenta, familia exemplar de clase media: o pai, o “Sueco” Levov, é o prototipo do heroe americano, un xudeu atlético e louro, antigo ídolo deportivo e agora empresario de éxito; a nai, Dawn, ex-miss Nova Jersey, é unha beleza que cría gando nunha finca a carón da gran mansión familiar. Felicidade americana con Guerra do Vietnam ó fondo. Pero a única filla, Merry, activista fanática en contra da guerra, acaba participando nun atentado con bomba e vítima inocente, e desaparece da casa. A familia derrúbase e a felicidade remata... Edipo Rei: “ninguén se considere  feliz ata o último día da súa vida.”.

En Némesis explora o efecto da enfermidade na sociedade. Verán de 1944, II Guerra Mundial de fondo, e outra vez Newark, co barrio xudeu de Weequahic, o natal de Roth. Desátase unha epidemia de polio –aínda non había vacina-. Nunha escola de verán a cargo de B. Cantor, un entusiasta profesor de 23 anos, comezan a enfermar nenos: uns quedan sans, outros paralíticos e outros morren... Versión americana da Peste de Camus, con reminiscencias da Montaña Máxica de Mann, centrada neste caso no sufrimento dos nenos.  E dirixindo todo, coma sempre, o azar: “Toda biografía esta suxeita ó azar... o azar –a tiranía da continxencia- éo todo.”. 

En Fin. Gran literatura dun dos grandes do século XX. Que se vai sen Nobel: coma Proust, coma Kafka, ...

Te puede interesar