Opinión

Stephen Hawking

Estaba co artigo sobre os Josés cando souben da triste nova do pasamento de Hawking. Os científicos en xeral son menos coñecidos cós escritores, cantantes ou deportistas, e iso a pesar de que talvez sexan quen máis inflúen nas nosas vidas. Se nos fixamos nos físicos, aposto que unha maioría sería incapaz de citar unha ducia deles relevantes, mentres citaría a centos de famosos doutras profesións. Non obstante, nas listas de físicos nunca faltaría Stephen Hawking. Porque fóra talvez de Einstein e de Newton, ningún físico gozou en vida dunha popularidade comparable á de Hawking. Como afirmaba David Jou na edición española da “Historia do tempo”, “Hawking forma parte da mitoloxía do noso tempo. Na súa figura entrecrúzanse a física e a metafísica, o home e a máquina, a vida e a morte”. 

Na fama de Hawking influíu a súa enfermidade e, sobre todo, a forma de afrontala. Como se sabe, fora diagnosticado de ELA cando tiña 21 anos, en 1963, e os médicos déranlle apenas dous anos de vida. O primeiro impacto foi demoledor: desesperado, buscou refuxio na bebida e na música. Pero pronto comprobou que a enfermidade ía máis lenta do previsto, así que coa axuda da súa moza comezou a ver unha nova luz: recuperou o humor, casou, tivo tres fillos e pasou  de ser estudante mediocre en Oxford a eminente doutor e investigador en Cambridge: “con sorpresa descubrín que estaba desfrutando da vida máis ca antes”. En Cambridge, de profesor, sabíase da velocidade coa que conducía a cadeira de rodas polas rúas, e tamén das piruetas que facía con ela nos bailes da universidade, e como, mentres puido, acompañou diariamente ós seus colegas e discípulos ós pubs, onde lle gustaba discutir con eles as teorías cosmolóxicas. Foi ese xeito de enfrontarse coa enfermidade que o ía paralizando, e de aproveitar ó máximo a vida que lle quedaba,  o que converteu a Hawking nun heroe do noso tempo. 

Pero parte da popularidade debíalla tamén ó tema das súas investigacións, que era: “Comprender o universo: por que é como é e por que existe”. E para iso centrouse no estudo dos buratos negros, esas rexións do espazo con tal concentración de masa que o campo gravitacional que crean é tan forte que nada pode escapar deles, nin sequera a luz. Para Hawking, a orixe do universo podía explicarse a partir do proceso inverso da formación dun burato negro: o universo en expansión no que vivimos comezaría nunha singularidade coma a do “big bang” (a gran explosión), hai diso cerca de catorce mil millóns de anos. Pero, en que consistía esa singularidade? Pois, en que a teoría da relatividade xeral de Einstein, apropiada para o estudo da gravidade, non pode aplicarse xusto no punto onde comezou todo: a curvatura do espazo faise infinita e as nosas ideas de espazo e tempo véñense abaixo... Buscouse entón unha teoría definitiva, combinando a relatividade xeral coa mecánica cuántica, botando man da teoría das supercordas... Neste momento fálase dunha teoría M, que nos conduce a un espazo de once dimensións: tres espaciais, unha temporal e sete aparentemente superfluas. E podería ser que o noso universo non fose tal, senón  un multiverso, con miríades de universos paralelos... Nestas cousas traballaba Hawking. Non tivo o Nobel, mágoa; tampouco o tiveron Hubble, ou Lemaître. Pero do que máis orgulloso estaba era de ter descuberto –talvez por experimentalo coa súa propia vida- que os buratos negros nunca son totalmente negros. 

Te puede interesar