Opinión

Grândola

Odía estaba gris, a tarde esmorecía, a lectura era agradable. Estaba absorto na obra de Robert Graves “Rey Jesús”. A vibración do meu móbil devolveume á realidade. Era unha chamada do meu amigo Santiago Lamas; ante a proximidade do 25 de abril, lembrábame o recital de José Afonso en Ourense nos locais do Liceo o 8 de maio de 1972. Como non recordalo, si o acto organizouno a Asociación Cultural Breogán, da que eu fun presidente?

Teño no meu poder o CD que contén toda a documentación, xa que dos orixinais fixen doazón ó Consello de Cultura Galega. Reviseina e atopeime con datos que tiña esquecidos. Entre outras actividades, programouse no ano 1971 un chamado “Festival Ibérico” ó que se invitou a varios cantautores de Portugal: Vieira da Silva, Adriano Correira, Rita Olivais, Ana María Teodosio, José Afonso, Denis Cintra, José Jorge Letria e Manuel Freire. De Galicia participarían Xerardo Moscoso, Baamonde, Benedicto, Bibiano, Miro e Los Juglares. Por Castela: Paco Ibáñez, e por Cataluña: Pi de la Serra. O orzamento de tan importante festival era de 170.000 pesetas, e os ingresos previstos pola venda de entradas, 62.500. O déficit previsto pensouse en sufragalo con subvencións. Pero as portas pecháronse e o Pavillón dos Remedios tampouco foi cedido. O xornalista Fernando Ramos recolle na prensa a noticia o 12 de xaneiro do ano 1972. Entón decidimos invitar a algúns deles individualmente, e José Afonso foi o primeiro. O secretario de Breogán, Carlos López Polo, solicitou os permisos preceptivos no Goberno Civil e na Delegación Provincial do Ministerio de Información e Turismo, sendo concedidos con data 8 de maio (o mesmo día do acto) e 6 de maio, respectivamente.

A cita foi na Libreria Tanco, rexentada daquela polo protector da cultura e comprometido loitador polas liberdades Carlos Vázquez. O lugar era coñecido pola policía político-social como punto de encontro de xudeus, comunistas e masóns. Ás doce en punto estaban Benedicto, Maite e Reguera. José Afonso chegou acompañado de Zélia e solicitou un local para ensaiar. O lugar escollido foi a casa do escultor Acisclo Manzano, e este recorda unha anécdota de Afonso que pon de relevo a súa sensibilidade. Acisclo observou como ó cantautor se lle enchían os ollos de bágoas, e ante as preguntas que se lle fixeron contestou: “Dixéronme que Ourense era o lugar máis pobre de Galicia, e observando esta cidade humedécense os meus ollos ó comparala coa miña terra, que é pobre de verdade”.

As sete do serán comezou, no salóns do Liceo, o recital de canción portuguesa máis importante que se celebrou en Ourense; entre outras escoitamos “Natal dos simples”, “Ja o tempo se habitúa”, “Vai María, vai”, “A morte saíu á rúa”, “Menino do barrio negro”, “Os eunucos”, “Ronda dos paisanos”, “Milho verde”... pero a máis importante historicamente foi “Grandola, Vila Morena”, canción que se cantaba por primeira vez no recorrido por terras galegas e que se convertería, dous anos máis tarde, en símbolo da revolución dos caraveis. Aquela noite, José Afonso durmiu na casa de Xaime Quessada e volveulle contar a tristura que sentía polo atraso do seu país, e cando falaba engradábanselle os ollos.

Pasaron xa corenta e dous anos, non sei se foi en Ourense onde por primeira vez se cantou “Grandola, Vila Morena”. José Afonso morreu dunha terrible doenza. As ditaduras de Salazar e Franco desapareceron hai moitos anos. Moitos compañeiros que estiveron no recital finaron. Galicia e Portugal hoxe seguen loitando contra os males de sempre: o desterro da terra, fame e un futuro incerto.

Na lembranza de José Afonso, ata a vitoria.

Te puede interesar