Opinión

GRAZAS, AMIGOS

Omércores día 4 de decembro, os meus entrañables compañeiros do Instituto 'Lagoa de Antela' fixéronme un agarimoso agasallo: invitáronme a plantar un texo no recinto do centro no que fun profesor nos derradeiros anos da miña vida profesional. O día era frío e a tarde esmorecía. Teño que agradecer profundamente o xesto xeneroso dos integrantes do claustro de profesores e do equipo directivo, polas atencións que me dispensaron co motivo do meu pase as clases pasivas.


E teño que agradecelo especialmente pola elección da árbore, un nobre texo. Lémbrome do fermoso libro que escribiu Eduardo Olano Gurriarán, que leva por título: 'El tejo y el Teixadal de Casaio'; nel descríbese con extremado rigor as virtudes e condicións do soberbio xigante. Destaca o autor a súa enorme capacidade para emitir novos gromos a calquera idade, símbolo da grande vitalidade interna, o que condiciona o seu aspecto. Esta excepcional calidade, unida a súa lonxevidade, fan que sexa difícil atopar dous iguais. Citado na literatura por dous grandes xenios, Cervantes e Shakespeare, faino referente da mítica máis imaxinativa. Tamén Vicente Risco cítao o narrar a derradeira loita, no misterioso monte Medulio, dos cántabros, astures e galaicos contra as lexións romanas comandadas por Antistio e Firmio.


Especial relación ten co noso país, Galicia, xa que desde tempos da civilización atlántica os nosos bosques estaban cheos de texos. Probablemente, tendo en conta as similitudes culturais con outros pobos atlánticos, os texos e os carballos foran obxecto de culto. Pois non existía outra manifestación viva da forza da natureza coma a de dúas grandes árbores. O que me leva a preguntar: houbo sacerdotes druídas que oficiaran culto panteísta na Galicia prerromana? Quizás a resposta estea na grande influencia que tivo o priscilianismo nos albores do cristianismo e na grande capacidade sincrética da Igrexa para absorber símbolos e crenzas paganas. Por iso non é raro que os texos compartan espazo con igrexas, mosteiros e cemiterios, lugares onde o sobrenatural mesturase co humano.


Na obra de Eduardo Olano resáltase que o carballo simboliza a forza, e o texo, a reflexión. O carballo ordena, o texo aconsella. O carballo é rei, o texo sabio. O carballo é soberbio, o texo humilde. O carballo é temporal, o texo eterno. E remata afirmando: 'O carballo é unha árbore, o texo moito máis'.


A eternidade é una vella aspiración da humanidade; moitas veces esquecemos que o ciclo da vida e consubstancial coa morte. Por iso buscamos identificarnos con símbolos que representen o que máis desexamos, perdurar no tempo. Que mellor identificación ca un texo abonado co cariño de compañeiros e alumnos do centro onde se impartiu docencia! Nunca agradecerei o suficiente o cariñoso trato que recibín nos últimos días por aqueles cos que compartín algún momento de miña vida profesional, aos que lle dedico esta reflexión, un tanto poética, que os amigos e discípulos saberán interpretar:


Os afectos perduran, a materia esvaecese./ As verbas quedan no vento, nun eterno discorrer, / só as follas traducen o seu íntimo sentir. / Espíritos nocturnos, nun perenne padecer,/ atopan o descanso, cando a semente ven crecer.

Te puede interesar