Opinión

O carnet de conducir en Ourense

Aínda lembro con claridade o día que nos tocou sacar o carnet de conducir. Daquela, dirán algúns, era todo moito máis difícil. Entre os compañeiros estaba un estudante de Dereito que decidiu estudar o manual e non facer os famosos test. O resultado foi desastroso. Pero seguiu adiante, erre que erre e non fixo o que lle mandaban. Resulta moi sinxelo falar de aprobar un exame, pero moi difícil de xustificar un suspenso para o alumno que non o aproba. Por iso na parte teórica non queda outra de estudar, ler ben e non meter a pata.

Na parte práctica podemos toparnos con un panorama ben distinto. Sobre todo, según me contan, na cidade de Ourense. Os criterios de avaliar son tan subxectivos como absurdos. E até dependen en boa medida do compañeiro anterior que che toque. Lembro un episodio deses ínclitos examinadores que seguen en activo, no que estacionaron o coche debaixo dun semáforo, ao carón dun contedor de lixo e no paso de peóns. Cando o discente entra no coche para examinarse non pode ver se pode ou non pode arrancar. O resultado foi suspenso por non ter ollos no “cogote”. Despois cóntanme de mozos e mozas que chegan até examinarse en 11 ocasións e pregúntome que pensarán os seus monitores de autoescola despois de de dedicarlles tanto tempo e esforzo na súa formación. Porque toda labor docente debera ser digna de encomio e eles mesmos debería ter algo que dicir na decisión da avaliación final. E son tan ignorados, que teñen que agardar polos examinadores até dúas horas, despois de fixarlles a hora de comezo. Iso xera nos alumnos un estrés innecesario, que inflúe negativamente no seu rendimento. Os examinadores van de sobrados, e ninguén lles di nada, porque claro… son xuiz e parte do asunto. 

É triste que moitos universitarios aproveiten a súa estancia noutras cidades para sacar o carnet de conducir, porque non son tan esixentes como en Ourense. Por iso creo que se todos tomaran boa nota de todo isto, os que regalan os aprobados noutras localidades deixarían de facelo, e os que se pasan de rigor suspendendo a todos comprenderían que a excelencia do ensino está en ensinar. Se o propio exame, sobre todo neste asunto, fose ser un elemento máis de aprendizaxe, lograríamos que o sistema funcionase moito mellor.

Finalmente é de xustiza condenar calquera tipo de agresión, sexa verbal ou física. E isto ven a conto porque a día de hoxe os examinadores da DGT teñen sufrido agresións ao comunicar os suspensos. Non existe xustificación posible para tal barbarie. E calquera discrepancia hai que comunicala con respeito e diálogo público. Non tomemos como exemplo a falta de educación e saídas de tono, insultos e coprolalias ás que algúns están afeitos e outros moitos seguen sen rubor.

Sería moi bo que máis pronto que tarde esta demanda de excelencia nos exames prácticos, se converta nunha anécdota, para poder contar nun futuro que calquera tempo pasado, nunca foi mellor. 

Te puede interesar