Opinión

A hipocresía 
na corrupción

Xa estou farto!, e podo falar de moitos cidadáns que coñezo, que tamén se encontran no mesmo estado de ánimo. Farto de que cada día nos desperten cun novo caso, que desde hai moitos anos apestaba a touciño rancio. Farto de que as noticias vaian incrementando o seu grado de intensidade, até que chegue o supino estoupido do colmo da corrupción. Farto da hipocresía que supuxo deixar que moitos expoliasen o erario mentres houbo abundancia para todos, e non se notaba tanto, e farto de que xuices estrela, agora condeados, semellen ser coma mártires dun sistema que os fagocitou por supostos xusticieiros.

Nunca chegarei a comprender a razón pola que aos que posúen grandes fortunas, sempre lles acompaña o bálsamo da prescrición á chegada aos xulgados, mentras que aos pobres asalariados lles chega de contado o terrivel aviso de despexo da súa morada. Pero xa se sabe. Nun país que acreditou nun presidente, e que agora non cumpliu ningunha das súas promesa electorais, “polo ben do país”, senon sega o que sementou, de certo que merecemos seguir nas mesmas de sempre. Espero que dunha vez por todas, a alternativa plural tome o timón do barco que vai á deriva desde hai tempo. Moitos son da opinión que as maiorías absolutas nunha democracia nova como a nosa, son un risco de volver ás actitudes que nos lembran un pasado incerto, no que se aludía sobre todo, á orde civil e social. Deus nos libre daqueles salvadores!, que tamén dicían “Podemos traer a Paz”. Agora é o momento de acreditar na nosa xerazón, como canle de revalorización do sistema político, por un futuro de benestar afastado da infraestrutura das migallas que lle caen aos ricos, para que o pobres teñan a boca fechada, mentras eles nadan con pracer na corrupción sen límites.

Pero neste contexto hai tempo para desenvolver o sentido do humor. Só hai que botar unha ollada para Catalunya, e ver como o presidente desa Comunidade Autónoma, monta el soliño un circo sen carpa nen paiasos. Cada quen divírtese á súa maneira, pero tamén estou farto de que non pidan abertamente o que queren: un modelo fiscal semellante as comunidades de Euskadi e Navarra. Pois ao final, calquera destes contos se arranxa con diñeiro…, e diso non se fartan. Mágoa que en tempos de crise a solución veña con rodas de muíño, pero máis cedo que tarde, terán que revisar o que ven dando problemas desde hai moitos anos. E se en algo entendo o himno catalán, é que comeza con famosa frase de “Catalunya triomfant”. Deste xeito haberá moitos independentes de corazón, pero todos eles saben que o peixe grande come ao pequeño, e ante iso, ulo o triunfo? Por iso quédome e despídome co seguinte verso de “Els Segadors”, no que se refire a Catalunya: “Tornarà a ser rica i plena”.

Te puede interesar