Opinión

As ideoloxías

Nestas primeiras semanas de abril tocoume asistir a dúas merecidas homenaxes. Unha delas foi a Manolo Peña Rey e a outra a ao benquerido amigo José Manuel Uruburu, e en ambas houbo referencias comúns que quero destacar. A cualidade que máis me sorprendeu foi a xenerosidade de dedicar a vida aos demáis, pero neste caso aos máis próximos. En ocasións pensamos que os “pobres da terra” viven en paises lonxanos aos que só poden acceder as ONG ou os misioneiros. Botamos unha ollada ao mapamundi e fechamos os ollos aos veciños e ás bolsas de pobreza que, nestes anos de crise, increméntanse exponencialmente. Pero os meus amigos da homenaxe, traballaron, primeiro no seu entorno, sendo fieis ás súas ideoloxías.

A sociedade actual, que nós creamos e da que formamos parte integral, cada vez está máis condicionada polo poder económico. Por iso manterse nunha determinada ideoloxía, sendo fiel a ela, é todo un triunfo. Algúns que quedaron polo camiño, poñen excusas de que no proceso das etapas vitais, as ideoloxías mudan, e o que nun principio era inamovibel, agora resulta lóxicamente cuestionabel. Por iso afirmo categóricamente de que non son máis que “pamplinas” para acomodarse ao sistema, do que tamén falaremos. As ideoloxías sempre están basadas nun fundamento epistemolóxico e deben axustarse aos tempos e á idiosincrasia dos pobos, porén non poden sobrevivir ás contradicións, xa que iso suporía o seu propio suicidio. Dese modo a coherencia ideolóxica sofre un trauma e a persoa pasa da liberdade do seu pensamento ideolóxico, á esclavitude que implica o Sistema. Parafraseando a Peña Rey direi que só os antisistema poden ser persoas con obxectivos obviamente dignos: a loita polos dereitos humanos ou o reparto racional da mantenza, cos que a diario morren de fame. E escoitando estas palabras no Liceo de Ourense, entre os amigos e amigas da República, rodeado de ideoloxías nacionalistas, comunistas ou conservadoras, sigo observando con perplexidade que ninguén fica indiferente á proposta de ser antisistema (aínda que a algún lle produza tinnitus no ouvido), diante de tantos argumentos que comezan a pesar forte nas nosas mentes. Cada vez, o propio sistema, axúdanos a ser antisitema. Os recortes en sanidade e educación, en dereitos sociais e laborais, fan que saiamos ás rúas a berrar e manifestar que as leis inxustas, asfixian aos pobres e marcan as diferencias entre as clases sociais. Nese sistema está a Banca (máximo sustento da actividade empresarial e financieira) que non cumple o seu cometido de ofrecer créditos a novos emprendedores, creando un fondo de recursos que aseguren a súa liquidez, despois dos Acordos de Basilea III que entrou en vigor o 31 de decembro de 2010.

Cando vexo que os partidos políticos ceden terreo ao poder económico, anulando parte dos seus principios ideolóxicos, sinto que eses dirixentes están a traizoar as ilusións e a confianza que os seus militantes depositaran neles. Pero hai máis. O potencial ideolóxico poderá ser subastado ao mellor postor, e tanxencialmente a loita estará perdida para aqueles que sufriron prisión, torturas e até perderon a vida por defender as ideas. Mais sempre quedará algúns, cheos de anos, cun espíritu novo, que saberán transformar en feitos o que noutro tempo foran ideas. Entre eles Manolo Peña Rey, a quen dedico este artigo.

Te puede interesar