Opinión

Defuntos, lembranzas, celebracións e dolmens

Noutros escritos comparaba o ciclo temporal do ano coa vida de cada un, converténdose as estacións nunha inexorable metáfora. A primavera e o verán asimilámolas coa nenez e a xuventude. Pero o outono vémolo como preludio do fin, dun inverno que porá freo ao noso tempo vital. O mércores vimos de entrar no de mes de Santos, con celebracións que dedicamos aos defuntos, aos de cada un e aos da comunidade. A aqueles que xa non está materialmente con nós. Diso sabemos moito nas tradicións de Galicia. Por iso é comprensible que a Igrexa, inseparable do noso universo das crenzas e da cultura, fixase nas mesmas datas a celebración de Todos os Santos e de Fieis Defuntos. E todo iso moito antes de que foramos mergullados nese entroido anticipado do Halloween, no que a ficción anglosaxoa transformou o “All Hallow Even”, a súa “Noite de Todos os Santos” e nós adoitamos sen filtros nin miramentos.

Isa noite de defuntos é o anticipo doutra festa que celebramos especialmente aquí, en Ourense, ennegrecéndonos as caras cos tizóns das fogueiras dos magostos. A herdanza dun fin de festa que, como defenden algúns antropólogos, representaba aos defuntos que atravesaron as portas do máis alá para compartir con nós, os amigos que permanecemos no mundo terreal, un banquete funerario con castañas e viño novo. Pero no canten vitoria. Nesta entrega dos “Diarios do Pasado” non nos imos esquecer dunha reflexión con raíces na prehistoria. Porque en efecto, a estreita relación entre o mundo dos vivos e o dos mortos fortaleceuse co nacemento das sociedades agrarias, en Galicia alá polo 5.500 AC, dende a etapa que denominamos Neolítico, cando os monumentos funerarios megalíticos, máis coñecidos como mámoas e dolmens comenzan a construíse polo 4.300 AC, hai máis de 6.000 anos. Os antepasados que construían megálitos elaboraron un sistema de crenzas e un discurso social no que os seus defuntos, enterrados nesas tumbas monumentais, contribúen a ordenar e construír o territorio dos vivos, garantindo unha nova orde social que cohesionaba as novas sociedades campesiñas. O dolmen é, preferentemente unha tumba tumba colectiva, un panteón para enterrar aos membros dun grupo familiar. Pero este complexo e novidoso sistema e conxunto ritual, sen precedentes na prehistoria, este megálito xunto cos antepasados nel soterrados, está a emitir unha mensaxe moi elaborada e clara. Elaborada porque por primeira vez se monumentaliza un ritual funerario, e clara porque a tumba acolle os mortos dun grupo familiar, concentrando a xenealoxía do mesmo, a súa memoria e historia. É a ritualización do antepasado, quizá os inicios do culto ou, cando menos, a súa veneración. Esta intricada parafernalia aseguraría a propiedade da terra a cada grupo humano por medio da utilización continuada da sepultura, demostrando deste modo a cantidade de xeracións enterradas nese dolmen, erixido cunha técnica que garante a súa duración no territorio que está a demarcar. A construción do dolmen contén, ademais, unha forte carga simbólica dende o seu deseño inicial. A arqueoastronomía está a constatar as orientacións dos sartegos cara ao sueste. Buscábase o nacemento do día no solsticio de inverno. A saída do sol no topos simbólico do solsticio de inverno -o inicio dun novo ciclo da natureza-, parece crear unha relación case cosmogónica de conceptos opostos sen solución de continuidade -principio/fin, vida/morte- que establece un “continuum” entre os vivos e os que xa marcharon, pero que permanecen no dolmen acompañados do recordo dos vivos. E así os lembramos, porque estaba na vontade dos nosos antepasados neolíticos crear tumbas monumentais, moi visibles aínda hoxe e que coa súa sólida elaboración arquitectónica despertan a nosa admiración e conseguiron que a súa memoria chegara ata nós, pese ao paso do tempo e as desfeitas difíciles de xustificar.

Comprobamos que resulta case imposible atopar actos no noso mundo contemporáneo que non teñan fondas raíces no pasado. E como non, a morte, algo tan consubstancial que, cando ocorre provoca fondas feridas nos que aquí quedamos. Todos o sabemos e o sentimos nalgunha ocasión. Sirvan estas palabras de homenaxe ás persoas que nos abandonaron e, como pretenderon e conseguiron os construtores de megálitos hai seis milenios, tamén agora permanecen na nosa memoria a axudan a orientar as nosas existencias. Vai por eles.

Te puede interesar