Opinión

Inicios e consolidación urbana

O 4 de marzo inaugurouse a exposición “Cidades-Ourense no Tempo”, a sexta dunha serie de mostras urbanas que, a falta de Pontevedra, xa desfrutou o resto das cidades galegas, cada unha coa súa especificidade. Aquí pódena visitar na sala de Afundación, na Praza Maior. As sete, incluída a de Ourense, están patrocinadas pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación de Abanca. Todas son comisariadas por Manuel Gago e a de Ourense coordinada por un servidor de vostedes, que contou co valioso asesoramento de Elvira Carregado, Xabier Limia, Afonso Monxardín, Miguel Mosquera, Maribel Outeiriño e Eva Torres. A exposición, que dista de seguir un estrito discurso diacrónico, si é un percorrido pola historia da cidade de Ourense dende os seus inicios ata a actualidade, pero ordenado por temas -mitos, tramas, padróns, escenarios, etc.-. cuxa narración se apoia en 106 pezas, documentos e infografías esenciais para poder contala e entendela. Sen embargo, na miña condición de arqueólogo e historiador, eu si recorrerei aos procesos históricos para ofrecerlles o  discurso, o relato que contén. 

Existen dous factores que van a caracterizar a orixe de Ourense e que, en certo modo, van ser esenciais ao longo dos séculos: as fontes das Burgas, coas augas sagradas, e a condición de nó xeográfico de comunicacións. Deste último nace a Ponte Vella. O primeiro vai estar presente nos seus inicios romanos, cando vellos deuses indíxenas do occidente de Hispania e romanos santificaban as augas. Así, os mitos sobre a orixe refórzanse con dous altares-ofrendas dedicados ao deus prerromano Revve Anabaraego e ás Ninfas, deidades romanas das augas, mostrando unha hibridación cultural no século I d. C., cando naceu a cidade romana. A ventá xeminada do pequeno mosteiro da Reza Vella, do s. IX ou o documento de Afonso III de finais do século IX, dan fe dos intentos para recuperar a cidade e o seu territorio despois que o caudillo Abdalazid os asolase no ano 716, recuperación que que si se consigue no XI co rei Sancho II e o bispo Ederonio. Dun século despois é o extraordinario documento de 1122 que poden desfrutar na mostra: asinado por Teresa de Portugal, dota de privilexios aos moradores da cidade e concédelles unha feira mensual, o que significará unha auténtica refundación de Ourense, medidas que, sen embargo, outorgan o señorío da cidade aos bispos de Ourense, mandato substanciado urbanisticamente dende a “acrópole episcopal. Ese poder dos prelados, xunto coa condición de nó de comunicacións de Ourense, reflíctese noutras pezas que mostra a exposición, entre outras, o relicario de Santo Estevo, procedente de Limoges, a cabalo ente os séculos XII e XIII, a reprodución virtual do magnífico Pórtico do Paraíso, da primeira metade do século XIII, o incunable Misal Auriense, de 1494, a imaxe de Santa Lucía, de Cornelis de Holanda, de 1520, ou un anxiño do imaxineiro Castro Canseco, de principios do século XVIII. Pero ese poder episcopal tamén irradia dende a cidade cara a fóra, como representa o capitel da nunca rematada Claustra Nova, do XIV e representativa do “estilo ourensán” que definiu o profesor Moralejo, ou a pintura aristocrática e cortesá do ourensán Antonio Puga, do XVII. Sen embargo, tal situación de preeminencia episcopal tamén chegará ao seu fin. Pero diso falareilles o próximo día.

Te puede interesar