Opinión

É verdade... de momento

Cantas veces nos alteran o espazo de confort as revisións de coñecementos que decotío produce a ciencia! Así procedan das ciencias naturais ou das sociais, entre as que se inclúe a historia. Cando pensabamos que sabiamos unha cousa, resulta que vai un novo estudo e o bota polo chan. Co ben que se vive coas certezas! Segundo os médicos, antonte era malo tomar unha copa de viño, onte era bo e hoxe volve ser malo. E así non hai quen viva. 

Aínda que pareza unha parodia, son situacións reais e aplicables a todos os campos do coñecemento. Pero non queda outra: a grandeza do pensamento científico fronte ao dogma,  baséase precisamente na permanente revisión dos coñecementos para verificar a súa validez. Tales pensamentos tráenme á memoria as ideas do físico e filósofo  arxentinocanadense Mario Augusto Bunge, que faleceu en 2020 coa idade de cen anos. Bunge, dende á súa amplísima formación, profundou nas características que deben guiar ao coñecemento científico. Precisamente na constante revisión radica un dos seus principios esenciais. A ciencia por definición é aberta porque tamén é falible, causas polas que sempre necesita unha permanente progresión. Para recoñecer as investigacións científicas como tales, deben ser especializadas, o que orixina unha gran variedade de disciplinas, sectores e tipos, pero sen perder ningunha delas a unidade metodolóxica común que debe guiar a todas as variantes. Todos os investigadores utilizan métodos testados cientificamente, independentemente de que o traballo sexa médico, físico, botánico ou arqueolóxico, por citar algúns. Esa metodoloxía debe ser irrenunciablemente analítica e, se as condicións o permiten, experimental. As investigacións abordan cuestións determinadas, buscando leis que os expliquen a raíz de cada problema. Iso persegue resultados que se podan poñer a proba pola verificación das hipóteses. Así, o saber científico é preciso e claro, fuxindo da vaguidade e a superficialidade e as conclusións serán verificables, contribuíndo a acrecentar un saber metodoloxicamente ordenado, unificado e universal. Busquen estas características nos saberes que necesiten a diario para diferenciar o coñecemento científico do que non o é, o que afasta da ciencia da ficción que, como a transmisión dogmática dos conceptos, non precisan de verificación nin revisión ningunha. 

Reparen cantas teorías cambiaron dende que, cando eran nenos, estudaban no colexio. Incluso xa na universidade. Niso ten que ver a aplicación das novas técnicas que proveñen, neste caso da química, aínda que sexa para explicar fenómenos históricos. Sería o caso, por exemplo, do Carbono 14, que recolocou no tempo vellas explicacións sobre culturas arqueolóxicas que non estaban ben situadas. Ou as análises de pole fósil de plantas, que poden resistir miles de anos e nos permiten reconstruír vellas paisaxes e ambientes nas que viviron as sociedades do pasado. Incluso achegarnos aos sus modos de vida, cando detectamos pole de cereais na prehistoria, o que indicaría a práctica da agricultura en momentos temperáns. Todo iso, entre unha interminable lista de exemplos, nos conduce e permite revisar vellas teorías arqueolóxicas, completalas e incluso emendalas.

O que sabiamos onte é un sólido chanzo para o coñecemento científico, pero ás veces unha nova técnica proporciona datos que poden matizalo, modificalo ou mesmo desbotalo. Xa o saben, as certezas de hoxe poden ser dúbidas mañá. Así que na ciencia todo é verdade... de momento. Aí radica a validez.

Te puede interesar