Opinión

Igrexa capela Divino Maestro, en Montealegre


A  congregación religiosa Hermanas Misioneras del Divino Maestro y Cooperadoras Seglares naceu na Vixilia da Inmaculada Concepción, o día 7 de decembro do ano 1944. Foron o bispo de Ourense, Francisco Blanco Nájera (1944-1952), mais a nai Soledad de la Cruz os seus fundadores, co obxectivo da formación das clases máis humildes con base nunha educación cristián. A inauguración da Casa de Noviciado de Ourense, situada na saia de Montealegre, tivo lugar o día 15 de agosto do 1964. A primeira residencia convento da orde, no decurso do ano 1946, foi nun piso por riba do coñecido como café cantante El Moderno, actualmente desaparecido, situado de rúa Progreso pasando, de seguido, a unha edificación na rúa do Paseo, propiedade da diocese ourensá, solar onde na actualidade ten o seu asento o Banco de Santander. O penúltimo traslado foi para a edificación, convento e colexio, tamén desaparecido, situado na rúa Xosé Ramón Fernández Oxea, fronte á porta de acceso á parte alta do Xardín do Posío, coñecido popularmente como “O Bosque”.

A actual Casa Convento do Noviciado, construída nos anos de pontificado do bispo fundador, sitúase na saia de Montealegre, dende o que se domina toda a cidade de Ourense. Houbo de adaptarse o seu plano á pendente do citado monte, erguéndose  sobre unha ampla superficie repartida entre monte, xardín e solares, ademais do propio edificio conventual. Este componse de catro plantas, ocupando unha superficie aproximada duns 2.000 metros cadrados. Esta grande construción aloxa corenta dormitorios, moitos deles con baño individual, patio interior, amplas galerías, confortables salóns e importante claustro, ademais da propia igrexa, inaugurada solemnemente polo bispo de entón, Ángel Temiño Sáez, no decurso do ano 1960. 

A bonita Casa de Deus é de corte austero, bastante similar a existente no Seminario Mayor Divino Maestro, toda ela construída en boa pedra granítica provinte das canteiras de Reza. Foi deseñada, baixo as directrices da fundadora mailo bispo, polo arquitecto Conde Edelmira e ergueita pola empresa ourensá Cachafeiro. Nela repousan o sono eterno ambos fundadores, o primeiro, nun mausoleo con busto orante, confeccionado en pedra caliza, obra do escultor sevillano Luís de los Ríos e, ao seu pe, cuberto cunha lápida metálica, o sarcófago da fundadora. 

A alta igrexa componse dunha só nave cuberta cunha bóveda semicircular reforzada medinte cinco arcos de medio punto, ademais dunha bóveda de cruceiría. Posúe dobre coro, o máis alto deles iluminado por bonitos lucernarios polícromos, sendo o central, todo compartido por outros catro verticais, igualmente polícromos, sen esquecer os existentes nos muros laterais, igualmente polícromos, ademais dos existentes rectangulares situados no presbiterio. Preside esta parte da igrexa a talla moderna dun Cristo Crucificado. O presbiterio, semicircular, cóbrese mediante unha interesante e moderna decoración en forma de media laranxa, dando remate ao presbiterio un modesto deambulatorio ou xirola formada por seis arcos de medio punto sostidos por seis lisas columnas cilíndricas.

O alto e modesto campanario componse tres andares máis, ao que se suma o que contén a pequena campá de chamada, situado na cara sur da edificación relixiosa.

O gran claustro organízase seguindo as directrices da arquitectura monástica cun deseño sobrio e interesante construído con materiais sinxelos. O forman dous corpos, sostidos mediante arcos de medio punto e pilastras de sección cadrada, atopándose abertos ao exterior os baixos e pechados con vidros os superiores; no centro, unha fonte terráquea lembra o espírito misioneiro da orde.    

Por último, un dos bonitos símbolos dos que tanto abundan na nosa Galicia o constitúe un sinxelo cruceiro ergueito no centro do xardín situado fronte á fachada do convento, que lembra, segundo a dedicatoria da súa base, a inxente laboura dos fundadores.

Te puede interesar