Monterrei, unha fortaleza con moita historia

Monterrei, unha fortaleza con moita historia

Ocastelo fortaleza de Monterrei cumpriu, cumpre e posiblemente cumprirá o seu cometido de resistir o inevitable paso do tempo manténdose en pé, tan por contra a outros similares que, desgraciadamente por diversas causas, acabaron as súas pedras convertidas en canteiras ou utilizadas na construción das casas na bisbarra. 

O achado de restos castrexos e romanos  atopados tanto no solar de asento do castelo como na súa entorna demostran a antiga ocupación desta terra consolidando deste xeito o seu importante papel como fortaleza durante a Alta Idade Media.

O castelo foi posesión do poderoso mosteiro de Celanova, titularidade perdida en tempos de dona Urraca, de xeito concreto, durante as guerras na minoría de idade do futuro rei Alfonso VII. A primitiva fortificación, de indubidable valor estratéxico pola proximidade co país veciño, foi motivo de cobiza polo poderoso mosteiro de Celanova, posuidor no val do Támega de grandes intereses económicos, polo que rexeitaba a presenza de outros poderes distintos dos deles, obtendo dos reis varias concesións de relevantes privilexios como o outorgado por Alfonso IX no que manda que no Castro de Verín: “No se reedifique y que se destruya lo que se haya edificado...”, chegando incluso por parte do propio papa Honorio III, “baixo ameaza de excomunión”, a prohibición todo aquel que ousase edificar nesta zona calquera clase de edificio ou fortaleza. Pese a todo, por razóns de seguridade, logrouse edificar unha nova construción defensiva bautizada co nome xenérico de Monterrei.

Don Sancho López de Ulloa, un dos grandes personaxes de Galicia, casado con dona Teresa de Zúñiga, obtivo dos Reis Católicos o título de Conde de Monterrei, sendo el o artífice da  reconstrución de grande parte do castelo así como da torre sur, no ano 1482.

As guerras hispano lusas do século XVII obrigaron a modernizar as defensas da fortaleza ante a súa evidente vulnerabilidade, debida á recén inventada artillería, o que detivo en diversas ocasións aos agresivos veciños portugueses. Outro tanto aconteceu durante a Guerra de Sucesión, que obrigou a completar as defensas da fortificación. Durante a Guerra da Independencia, o marqués De la Romana fixo Cuartel Xeral de Galicia á fortaleza de Monterrei.

O triste período da Desamortización de Mendizábal ocasionou o roubo de enormes cantidades de pedra, que case arruinaron á fortaleza, desaparecendo asimesmo as importantes casas relixiosas asentadas no seu solar ca conseguinte marcha dos seus habitantes Afortunadamente ao igual co Ave Fénix, grazas ao tesón de destacados personaxes, como don Jesús Taboada Chivite, no ano 1961, baixo a dirección técnica de Pons Sollora, iniciouse a restauración da fortaleza, traballo que se continúa a levar periódicamente ca insubstituíble axuda do Patrimonio da Xunta de Galicia. 

Estratéxicamente emprazada no alto dunha empinada colina dende a que se contempla unha espléndida vista sobre o val do río Támega, sitúase o triplo recinto rodeado por murallas e contra murallas, ao que se acede a traveso dunha porta dovelada de arco apuntado decorada cos escudo dos señores de Monterrei: Biedma, Zúñica, Acebedo e Fonseca. Dende ela cumpre atravesar tres recintos ata chegar ata o propio castelo.

Na portada gótica, único resto do antigo Hospital de Peregrinos da Santísima Trinidade, destaca o relevo do tímpano consistente nun Cristo maxestático sedente rodeado por tetramorfos. No patio de armas, no lado este, atópase o palacio dos condes, de estilo renacentista, con grandes galerías formadas por arcos rebaixados escárzanos sostidos por columnas, acompañado da esbelta torre das Damas, datada no século XIV, composta de tres andares.

Ao outro lado érguese a torre do Homenaxe, bonito exemplar do gótico castrense; de base cadrada, dunha altura de 22,50 metros, remata nunha cornixa sostida por ménsulas. A igrexa de Santa María de Gracia é románica de transición datada no século XIII; conta na porta de acceso cun tímpano no que figura un Cristo maxestático cas mans estendidas amosando os estigmas da Paixón. O interior é dunha sóa nave, accedéndose ao presbiterio a traveso dun arco triunfal de medio punto. O retablo maior o preside a imaxe da Inmaculada. 

Quizais resulte o más interesante no interior do templo a capela dos Condes. Nela conservase un pequeno retablo en pedra ca imaxe do Salvador acompañado de doce escenas ou historias relacionadas ca Paixón de Cristo, ademais da interesante figura principal, un Crucificado, tal vez de finais do século XIV o principios do XV. Tamén resulta particularmente relevante a presenza dunha antigas vara galega de medir situada a carón da porta.

Fora da acrópole, saíndo por unha das portas orientada cara o norte, accédese a unha fonte así como á Forte da Atalaia. Aparte da evidente función militar da poderosa fortaleza, no seu tempo centrou unha intensa vida cultural, como a existencia das dúas primeiras imprentas existentes en Galicia, sendo á súa vez, berce do primeiro incunable de Galicia: o “Misal Auriense de Monterrei”, datado no ano 1494, ademais de ser, no seu día, un importante centro de docencia que impartía gramática.