Opinión

PATRIMONIO GASTRONÓMICO NA RIBEIRA SACRA

Castaña, patrimonio gastronómico' é o suxestivo título do recente libro editado conxuntamente polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; os concellos da Teixeira, Parada do Sil, Castro Caldelas, maila nai de tódolos concellos da provincia de Ourense, a Deputación provincial, á que se suma a moi estimable axuda da Xunta de Galicia. A súa doada lectura, ilustrada cas magníficas fotos saídas da man dun gran profesional da fotografía como Mani Moretón, ao que se suman os magníficos traballos fotográficos aportados polos colaboradores Maribel, Nieves e Silko, dous recoñecidos mestres da restauración, constitúen todo un luxo para tódolos amantes tanto da natureza como da sa e apetitosa gastronomía.


Un repaso a traveso dos diversos temas tratados na ampla publicación permite coñecer polo miúdo a descrición axeitada e veraz dunha das árbores máis autóctonas da nosa Galicia, o castiñeiro, co seu apreciado froito por excelencia, a castaña. Na introdución, Xosé Manuel Pacho fai unha descrición botánica da árbore, dando un repaso á súa etimoloxía, maila historia ao longo dos séculos. Continúa co relatorio da importancia deste producto, substituto inesquecible do trigo con que se elabora o pan, antes da chegada a América, ademais de subliñar o aspecto das festas tradicionais asociadas co seu consumo; nutrición, uso e propiedades menciñais, ademais dun longo etcétera.


No interesante apartado de receitas, varios profesionais da restauración maila repostería, elaboran saborosos pratos saídos da man expertas duns mestres de categoría indiscutible como o son o vasco Pedro Subijana, os alacantinos Paco Torreblanca e Susi Díaz, os ourensáns Javier González, Jesús Sánchez e Carlos -máis coñecido polo alcume de 'Taky'- o cántabro Xabier Pellicer, os barceloneses e tocaios xavieres Pellicer e Torres, o leonés Javier Núñez, os zamoranos Pedro Mario e Oscar, o coruñés Javier Rodríguez, o pontevedrés Rafa Centeno, o lucense Héctor López e, por último, Pedro Martino, oriúndo da veciña e irmán patria asturiana.


Sería inxusto non comentar a presencia na publicación dunha industria elaboradora deste producto indiscutible e símbolo innegable da nosa gastronomía, ata o punto de chegar a acadar a súa propia Indicación Xeográfica Protexida 'Castaña de Galicia'; me estou a referir naturalmente a empresa exportadora Grupo Cuevas que, como liña de negocio primario de explotación, fai cincuenta anos comezou a comercialización e exportación da castaña, sendo a súa vez a primeira en España na introdución dun producto descoñecido e novo no mercado, o coñecido e popular 'marrón glacé'.


Parabéns a todas aquelas persoas, organismos e institucións que fixeron posible a saída a rúa desta interesante e amena publicación que ven a ensalzar e potenciar, aínda máis se cabe, un dos recantos más fermosos da nosa ben querida provincia ourensán, a Ribeira Sacra.

Te puede interesar