Opinión

PONTE IRMÁNS XESTA PRAZA DE ABASTOS

A cidade de Ourense atópase instalada nun fermoso val formado polos ríos Miño, Loña e Barbaña. Ao río máis caudaloso de Galicia, o Miño, o segue o seu afluente en terras ourensáns, o Loña, provinte da zona dos afiadores, Nogueira de Ramuín. O Barbaña, o máis cativo, con nacente das súas augas nas vizosas montañas do Val da Rábeda, en Taboadela, mailas provintes do concello da Merca, atravesa a ola ourensán de sur a norte para axiña entregar mainamente a súa auga no pais dos ríos galegos ao vello Miño.


Dende tempos inmemoriais, as enchentas do río Barbaña orixinaron perigosos desbordamentos, ocasionando inundacións das vivendas situadas ao seu carón. Varias pontes desapareceron ou se esborrallaron baixo os efectos das frecuentes treboadas que ocasionaba a rápida crecida do río.


As coñecidas como Ponte Pelamios (ou dos Pelamios), a do Codesal así como diversos pasaxes distribuídas ao longo do río, foron esborralladas pola forza e empurre das augas, ás que se sumaba a porcallada arrastrada que amontoaba o seu canle.


Durante o mandato do alcalde David Ferrer Garrido (1963-1970) se acadou co Ministerio de Obras Públicas, no ano 1968, un acordo para a canalización da canle do río ao seu paso pola cidade de Ourense. Por outra banda, o propio Concello, durante o mandato do alcalde Ricardo Martín Esperanza (1970-1974), adquiriu de xeito gratuíto os terreos que axiña serían ocupados polos muros de contención da terra comprendida entre ambos marxes do río.


Trala modificación do Plan Urbanístico da cidade, se acometeu a expropiación dos terreos limítrofes ca Praza de Abastos, sementándose os alicerces de novas urbanizacións que ocasionarían a desaparición do vello pontillón de pedra que comunicaba ambos marxes do río Barbaña.


A actual, catalogada como 'sinxela ponte de vigas rectas', construída en formigón, atópase ergueita a un nivel superior ca anterior. Se compón dun recto taboleiro circulatorio, duns 28 metros de longo, sustentado por dous vanos, sendo o maior o que salva o canle do río. A zona de paso se reparte entre dous carrís circulatorios de 4 metros cada un, ao que se suma o ancho de ambas beirarrúas de 2 metros protexidas por sendas varandas de aluminio. A altura total da ponte alcanza uns 9,49 metros sobre o nivel das augas.

Te puede interesar