Opinión

PRAZA SEN NOME

A popular e concorrida Praza do Ferro carece do elemental cartel identificador ou placa que indique a súa situación. O antigo nome, Cruz dos Ferreiros ou 'Cruz Ferrariorum' tal y como aparece escrita na documentación medieval, foi substituído polo de praza de Tomás María Mosquera, sendo, a súa vez, volto a substituír inexplicablemente polo actual de Praza do Ferro sen que ninguén saiba se existiu o preceptivo acordo previo do Concello


Este triangular e curto espazo ocupado pola praza se sitúa ao sur entre o cruzamento das transitadas rúas de Viriato, Lepanto, Paz e San Miguel, quedando a antiga 'Corredoira' -actual Santo Domingo- ao norte, toda ela centrada ou presidida pola barroca fonte provinte do antigo mosteiro bieito de Santo Estevo de Ribas do Sil. Unha vez na praza, por moito que busques nas esquinas das fachadas, non atoparás a súa placa identificadora ao perdela trala reconstrución do vello edificio que ocupa na actualidade o baixo da taberna Lizarrán. Falar da popular Praza do Ferro é lembrar o Ourense perdurable; o vivir cotián da historia viva da cidade das Burgas. Persoeiros relevantes da nosa cultura, como o prehistoriador do celtismo Florentino López Cuevillas; o autor de 'A Esmorga', Blanco Amor; Xoaquín Lorenzo, más coñecido polo alcume de 'Xocas; Vicente Risco, sen esquecer o patriarca das letras galegas, o noso ben querido Ramón Otero Pedrayo, gabaron esta engaiolante sitio, punto de inicio ou de encontro de moitos dos amates do bo viño do Ribeiro.


Triángulo de Ouro da literatura ourensán, como se coñece no argot literario este fermoso e céntrico espazo urbano, está decorado todo el e cinguido por impresionantes casas brasonadas, datadas entre os séculos XVII e XVIII, como a dos Boan Landecho ou Temes, o primeiro gran fabulador e argallador dunha liñaxe fantástica e inexistente, é un dos lugares máis típicos do vello querido Ourense. Ferrerías e comercios ocuparon, noutro tempo, os baixos dos concorridos e arqueados soportais aos que acudían os nosos paisanos na procura de ferramentas que fixesen máis doado o seu penoso traballo no campo. Tamén era o punto de encontro das criadas, ou modernamente empregadas do fogar, que unha vez recollida a auga da fonte, a trasladaban en balde de madeira cara a súa casa, nunha época carente da existencia da traída xeral do subministro acuífero domiciliario. Por último, ante a petición de varios veciños da zona, rogamos co Concello teña a ben repoñer a placa no seu sitio orixinal.

Te puede interesar