Opinión

SABIOS Y SANOS AL NACER Y AL MORIR

Cando o canso peregrino, dende o alto do Monte do Gozo, divisa as altas torres da catedral compostelá, énchese de gozo ante a certeza do final do seu peregrinaxe cara a tumba do Apóstolo Santiago. Sabe que tras pasar a Porta Santa, na Praza da Quintana, atoparase ca sorrinte imaxe pétrea do Señor Santiago que, dende o alto do altar maior, preside o seu templo-basílica.

Moitos e variados son os atractivos para o camiñante, peregrino ou visitante que acude á cidade do Apóstolo. Quizá o moderno monumento do escultor santiagués Cándido Pazos, situado estratéxicamente no barrio de San Lázaro, sexa todo un símbolo que mellor represente o cosmopolitismo, a apertura ao europeísmo de acollida de todos aqueles visitantes que deixaron e se deixan seducir pola misteriosa e forte chamada do Apóstolo Santiago en Galicia.

A Porta de Europa, na Praza da Concordia, na capital de Galicia, lembra, por unha banda, a existencia noutrora de recintos amurallados e pechados por grosas portas, tan en uso na época medieval. Por outra, a súa abertura é sinal inequívoca de permanente benvida ós peregrinos.

Ao longo da dilatada historia das peregrinacións houbo tanto homes como mulleres ilustres que contribuíron coa súa experiencia a crear o que é hoxe o Camiño de Santiago; polo que non é estraño que o autor da obra tente representar, sobre as súas catro caras graníticas do monumento, as imaxes en bronce dalgúns dos peregrinos máis célebres da historia das peregrinacións. Así, pertencentes ao baixo medievo elixe o bispo Teodomiro de Iria, ao rei de Asturias, Alfonso 'O Casto'; Gostescalco, bispo de Puy, en Francia; Estefanos, bispo grego, e o cabaleiro Galter Guiffard. Do alto medievo, o crego de Santo Domingo de La Calzada, o arcebispo de Santiago Diego Xelmírez, mailo Papa Calisto II.

Da época correspondente co renacemento se representa o poeta italiano Dante Alighieri, a raíña Isabel de Portugal, a nobre Bríxida de Suecia, Jan Van Eyck, pintor flamenco; o barón León de Rosminthal, Robert Langton, crego; o nobre polaco Jacobo Sobieski, a peregrina Isabel de Lucerna, o cardeal e arcebispo de Santiago, Miguel de Payá y Rico, rematando con tres personaxes do século XX, o cardeal ourensán e arcebispo de Santiago, Fernando Quiroga Palacios; o fundador do Opus Dei, José María Escrivá, e por último, o chorado e inesquecible Papa, querido por todos, Juan Pablo II.

Te puede interesar