Opinión

Torre de medieval de Torán

A tan só 12 quilómetros da capital da provincia de Ourense, comunica a traveso da estrada N-525, atópase a capital do concello de Taboadela, municipio que atesoura, entre outros, interesantes atractivos turísticos. Unha vista dende os miradoiros situados no Alto do Castro ou do San Xoán, este último asento dun área recreativa que conta cun espectacular monumento dedicado á familia, realizado polo escultor local Xosé Cid, abárcase toda unha fermosa vista do val da Rábeda.
Arquitectura relixiosa formada por diversas igrexas tanto románicas como barrocas; arquitectura popular composta por interesantes pazos ou casas grandes acompáñase de interesantes elementos constituíntes da nosa cultura popular; así cruceiros, hórreos e fornos comunais enriquecen este concello cercano á capital das Burgas; pero tal vez resulte moi significativo para a propia formación do concello a existencia dos restos dunha importante fortaleza medieval coñecida actualmente como a torre de Santa María, en Torán, situada moi preto da parroquia do seu mesmo nome.

A torre medieval asentada no pequeno outeiro da Seara próximo a Torán, moi preto do antigo camiño medieval cara a Castela, parece confirmar o importante papel defensivo ligado á protección desta vía de comunicación. Os actuais restos do castelo datan entre os séculos XIII ao XV o confirman a importancia estratéxica do lugar. 
A Torre do Homenaxe, é o resto visible do que foi unha fortaleza. Atópase construída en aparello de planta rectangular, formada por sillares de granito das seguintes dimensións: 11 metros de longo por máis de oito de ancho, acadando a estrutura unha altura de 12 metros ata o remate do coroamento das ameas. Pola forma da colocación ou distribución da pedra suponse diversas reconstrucións sufridas ao longo dos longos séculos da súa existencia; en tres dos seus lenzos ábrense varias e estreitas troneiras así como diversas seteiras, namentres que polo lado oeste sitúase a porta de acceso decorada cun arco apuntado formado por un tímpano dunha soa peza situado por baixo de dúas rectangulares fiestras xemelas. Non se conserva restos da muralla nin do foxo defensivo si é que este algún día existiu.

Entorno a torre consérvanse, en mal estado, diversas vivendas de tipo tradicional galego construídas cas pedras apañadas da abandonada fortaleza, tal e como o demostra a presenza nelas das diversas marcas identificadores utilizadas polos canteiros.  

Como tema anecdótico, con poucos visos de credibilidade, indicar a existencia de diversas lendas todas relacionadas co asentamento no castelo de tropas romanas, mouros..., ademais de sinalar a posible existencia, nos sotos da fortaleza, de diversos corredores subterráneos que permitían a fuga dos seus moradores en caso de asedio.

Te puede interesar