Opinión

O tren que me leva pola veira do miño

Aesquecida pero bonita canción do cantante galego Andrés Dobarro, 'O tren', volta a estar de actualidade trala inauguración e posta en servizo do Galaico Expreso 'Ribeira Sacra'. Un tren histórico que percorre desde o pasado sábado as ribeiras dos coñecidos ríos Miño, Sil e Cabe para arribar á histórica vila de Monforte de Lemos.


O tren 'Galaico Expreso da Ribeira Sacra' posto en funcionamento e liderado polas deputacións provinciais de Lugo e Ourense, co-financiado polos concellos de Lugo mailo da capital das Burgas tenta, de xeito preferente, amosar ao visitante a magnífica paraxe dun dos puntos de maior atracción turística da nosa comunidade, a descoñecida pero abraiante Ribeira Sacra, o buque insignia da Galicia interior, co obxecto de revitalizar e potenciar un turismo en alza demandado cada vez máis por todos os amantes da tranquilidade, a arte, gastronomía e a natureza tan conquerido na actualidade.


A ruta ferroviaria trazada dende Ourense a Monforte ou viceversa ten un percorrido total de corenta e seis quilómetros. Un dos inicios pode ser na actual estación Empalme, situada no populoso barrio ourensán da Ponte. O paso férreo por Rivela resulta realmente espectacular ante a presencia constante das verdes e encoradas augas da presa de Velle. O túnel de Londeiro é como unha fiestra aberta cara a vista das múltiples aldeas que salpicadas de viñedos en socalcos orlan esta zona moi preto xa da estación de Barra de Miño. Os Peares é punto de encontro do belo río Miño co seu afluente máis importante ,o Sil, constituíndo un magnífico miradoiro de toda a bisbarra.


A vella estación do tren, reconvertida en aula do ferrocarril, constitúe un fundamental punto de información, do mesmo xeito que un excelente medio para dar a coñecer a historia do ferrocarril en Ourense, dende a súa posta en funcionamento no ano 1885.


Tras o paso a traveso da ponte metálica sobre o Miño e mergullarse nas interioridades da terra mediante dous túneles de 21 e 88 metros, case se toca ca man dende a ventaíña do vagón o pequeno encoro de San Pedro; axiña se distingue no alto da montaña a mole xigantesca do ex mosteiro bieito de San Estevo, Monumento Nacional, e na actualidade Parador de Turismo.


Na desembocadura do río Cabe co Miño se inicia unha empinada costa decorada por xigantescas e caprichosas rochas en incomprensible estado de equilibrio acompañadas de carballos, castiñeiros e bidueiros. A viaxe continúa pola antiga ruta do ladrillo.


O Concello de Sober ten merecida sona pola calidade dos seus caldos así como pola fina elaboración da súa cerámica de cor negro.


A vila de Monforte de Lemos, indiscutible capital da Ribeira Sacra lucense, histórica, monumental e de gran raigame é o noso punto final ou de inicio desta magna viaxe a traveso dun dos paraxes privilexiados e máis fermosos de toda Galicia.

Te puede interesar