Opinión

De días e de letras

S eguindo cunha tradición que no ano 1963 instituía a Real Academia Galega, o 17 de maio preséntase hoxe como xornada de homenaxe a Uxío Novoneyra, creador do Courel, poeta da terra e da paisaxe, de campos de luz, crítico e seducido polo compromiso nacionalista; constituíndo ademais a data de hoxe ineludible cita na axenda autonómica, festa de creación e proximidade a poetas e escritores e, en xeral, a todos aqueles que nas letras teñen máis que oficio devoción e actitude vocacional, moito máis alá do que puidese entenderse como medio de expresión artística e desenvolvemento profesional. Envoltos como estamos en crise manifesta, xa máis que evidente brutal e inconsecuente, e nun momento no que letras, verbas e verbos adoecen, como moitos dos seus autores, da fortaleza suficiente como para expor retos de futuro, resulta desconcertante e ata deprimente a visita a librerías e centros de lectura -a non ser os que, especializados ou non, teñen na creación a súa principal fonte de atención, aínda a risco asumido do seu descenso en vendas-. Resulta doloroso ademais percorrer nelas andeis e almacéns, para darse conta da fundamental carencia de referentes cos que en Galicia asistimos dende o xeneralizado descoñecemento ao traballo de novos creadores e estilos.

É un tópico, seino, pero días como o de hoxe preséntanse na nosa terra como datas a destacar, por canto supoñen en non poucas ocasións o primeiro achegamento dos que o resto do ano permanecen completamente alleos á creación galega, pensada e escrita en Galicia e por galegos. Ademais, serven como magnífica escusa para que os máis cativos e, segundos casos tamén os seus pais, se inicien dende as aulas en letras, versos e relatos cos que, de contar a sociedade actual con recursos suficientes, debería converterse en parte mesma no desenvolvemento da súa equipaxe cultural.

Te puede interesar