Opinión

Una sentencia ejemplar

Por esas eventualidades senlleiras que de cando en vez a un lle pón por diante a vida (serendipia, chámanlle agora) e sen ningunha vanagloria xa que son moi pouco iconoclasta, podo dicir que tiven a oportunidade de intercambiar conversa en relativa cercanía, con ámbolos dous.

Co primeiro deles por orde cronolóxica da súa chegada á presidencia do goberno, se mal non lembro foi coincidindo case co solsticio de verán do 2001, cando -aínda hoxe descoñezo a razón- decidiu visitar Celanova nunha viaxe fugaz pola provincia, na que nin sequera fixo parada ou fonda na capital.

O segundo achegouse tamén en xornada estival, pero máis próxima, alá por finais de agosto do ano pasado, en plena campaña de reconciliación social e de exorcización do plasma, que o levou a compartir caña e converxa con milleiros de simpatizantes seus polos catro puntos cardinais de España.

Tráioos hoxe a esta columna en comandita, logo de ter lido a felicitación de Nadal con despedida que lle tributou o patriarca ó seu discípulo, toda vez que o displicente alumno ten superado en méritos ó seu mentor e xa non é quen de exercer sobre el a máis mínima ascendencia.

E tráioos, tamén, porque eu son moito de me fiar das vibracións que a xente me provoca nas distancias curtas e, loxicamente, dous presidentes do goberno non pasan desapercibidos nesa distancia, por máis que os diálogos sexan nimios.

Actuando como guía ocasional nos dous casos, as conversas xiraron arredor da historia e dalgunhas singularidades anecdóticas da igrexa conventual e da pequechiña capela de San Miguel. Aínda que no medio tamén houbo vagar para algunha que outra intranscendente confidencia.

Pois ben, unha vez feita a aproximación psicofísica, teño que dicirlle, benquerido lector, que o meu nivel de vibracións co primeiro foi tan plano coma o encefalograma dun santiño calquera dos moitos de madeira que se concentran no templo. É máis, tan foi así que nin sequera fixen ademán de darlle a man, camuflándome -cando el a llela foi ofrecendo en xestualización mecánica á plebe- entre a prensa.

No segundo caso, non sei ben se por unha cuestión de paisanaxe ou se porque viña de cañas, as vibracións que en todo momento percibín foron certamente ben máis sensitivas e a conversa cruzada con el, abondosamente máis fluída e fructuosa. Ata o punto de que, cando se despediu, máis alá do zombi automatizado que nos visitara noutrora, sentín un nada protocolario e certamente cordial agradecemento debido, ganándome, con iso, senón como estadista, si como persoa. De aí que, se tivera que me quedar con algún, malia que teña mala prensa permítame lector que lle regale ó de Valladolid e me quede co galego.

Te puede interesar