Opinión

Hai xente para todo

Un amigo da infancia, despois dun recorrido coa vista polo actual panorama político deste país e da contorna, recordou a anécdota de Juan Belmonte García, El Pasmo de Triana, aquel toureiro que acadou grandes éxitos na primeira metade do século vinte, o inspirador do toureo moderno, agora tamén desprezado.

Chegou o toureiro, retirado e amado, a un lugar concreto de Andalucía e atopouse con que era alcalde don Antonio, un mozo que fora banderilleiro con el en varias ocasións, e preguntoulle inmediatamente: como acadaches este posto, Antonio? -Pois xa ve, admirado mestre, dexenerando, sen máis, dexenerando. Se necesita algo, falamos e avanzamos. Agora que collín o camiño, dixo o alcalde, “quero seguir ata ser conselleiro, ministro, e despois, presidente ou membro de calquera consello de administración dalgunha das grades empresas públicas ou participadas polo Estado.

Daquela, volveremos ás prazas de touros e faremos arte como vostede facía. El, igual que moitos, facía arte sen matar. Agora estamos nos tempos do exterminio dos matadores e as prazas de touros son salas especiais para concertos ou para o mercado de inservibles. Son edificacións e espazos para a lembranza e, mesmamente, para a dexeneración. 

Non se permiten e non se fan as matanzas dos cochos cebados, daqueles catro ou cinco porcos engordados e tratados como irmáns. Non, non hai matanzas nas aldeas de Galicia nestes tempos de invernía, como antes había. De verán e de inverno, hai matanza indiscriminada nas guerras, en todas e en cada unha delas, para matar á xente, maioritariamente á xente de ben, aínda sabendo que, como dicía Nietzsche, “a guerra fai estúpido ao vencedor”, se non o era antes.

Pero, nestes tempos, hai quen se presta a todo, quen axude á trola, quen procure réditos da mentira ou quen se esforce para conseguir outra cousa. Hai de todo, na política, na academia, na casa e fóra dela. Permítanme que remate cunha referencia a outro toureiro, El Gallo, Rafael Gómez Ortega. Un coñecido seu, nun anoitecer madrileño, alí, nunha terraza cerca do Retiro, presentoulle a José Ortega y Gasset e o bo do toureiro ao escoitar que era filósofo e pensador, mirouno cos seus ollos luminosos e quedouse sorprendentemente calado por un instante. Despois, pensou e dixo “hai xente para todo”.

Te puede interesar