Opinión

Outra vaca no millo

Xuntáronse na cafetería (ou no bar) da esquina e cada unha delas falou do que lle pasaba e do que sentía cando non entendía nada do que pasaba. Eran cuestións irrelevantes para os alleos, pero de máxima importancia para cada unha delas, a modo individual, e tamén para o grupo que constituían e que sabían que existía ao ver, a cada instante, o whatsApp repleto de mensaxes que chegaban ao grupo Filomena, a aquel grupo que tiña o mesmo nome que a prima de Piornedo e que aquela borrasca profunda de xaneiro do 2021.

Unha delas narrou, con pelos e sinais, a resposta a unha enquisa telefónica, na que respondeu o que lle gustaría que fora, pero -segundo a enquisadora- non era. A señora, de cabelos louros e longos, de ollos con mirada espelida e co corazón a mil por hora, dixo que os políticos, dun lado e do outro, eran sensatos, honestos, honrados e gardiáns do porvir da cidadanía.

Outra das presentes, unha das máis doídas, replicou inmediatamente: “Aquí non funciona nada, todo é mentira, mentira e nada máis”. Chegaba, Margarita, da estación ferroviaria e, despois de media mañá, non resolvera nada. Había un erro informático e para comprar o billete tiña que pagar trinta euros máis do que valía, tiña que facer filigranas, pagar, despois, reclamar e, se procedía, xa lle devolvería a demasía. A terceira en falar pediu a palabra e, cando poido, falou e dixo, coa súa voz propia, que mentía o Ministro, que mentía o Goberno, a peregrina Yolanda Díaz e, se era conveniente, o Diario Oficial de Estado.

A cuarta en tomar a palabra, certamente desolada e aflixida, non poido dicir nada. Abriu a boca e pechouna decontado. De quen é a culpa de que se verta o plástico e o lixo no mar noso, nas nosas praias, aquí, en Portugal, á beira de nós?, preguntou. A resposta do grupo foi unánime: “non se sabe, nin se saberá nunca”. Din que é culpa da desidia, do goberno de Sánchez, da infamia ou da vileza, da conselleira de Melide, do ministro de Valladolid ou da Xunta de Rueda. Quen será o culpable?

Outra delas, tan sensata e solidaria como as compañeiras, foi correndo ao banco indicado para recoller a tarxeta (de plástico) de transporte gratuíto para ir limpar un día enteiro. Volveu sen ela. “Esgotáronse, señora, veña en quince días ou, se quere, reclámelle ao mestre armeiro ou á Xunta de Galicia. A nós, non nos diga nada! Estamos aquí para servirlle”. Outra vaca no millo!

Te puede interesar