Opinión

Paz e despois gloria

Eles tamén ganaron, aínda que desta vez, como noutras ocasións, houbo perdedores agochados detrás do parapeto da verborrea ou dese inmenso muro de silencio. Tamén houbo quen, con tristura e desacougo, admitiu a derrota e parece que está  en disposición de intentalo novamente cando proceda e se presente a ocasión. As razóns para aparentar serenidade e confianza búscanse debaixo das pedras e aparecen no dicionario, explícanse, repítense cantas veces sexa necesario e malo sexa que non quede, cando menos, a dúbida nunha parte das cabezas do  rabaño de pensantes e votantes. 

Pobres eles!, aqueles que recoñeceron que acadaran resultados “malos sen paliativos”, mentres os seus de máis arriba agarrábanse á lonxanía e mantiñan silencio sepulcral. Non se acordaban de nada, non foran partícipes de nada e non sabían nada de nada. Outros, tamén derrotados, mesmo ao rematar o partido, volveron correndo para Madrid e alá seguirán buscándolle tres pés ao gato. Varios deles acabaron en cero. Os que máis medraron, con vinte e cinco, cumpriron e, ao seguir a marcaxe do sistema D’Hondt, o primeiro, corenta e o outro, nove. 

Os ganadores están tranquilamente á espera, toman posicións e palmean as redes, que deben estar limpas e preparadas para a próxima temporada, cando moitos dos protagonistas de hoxe vaian polo camiño da retirada. En política, como di a Tía Manuela, o importante é participar, incorporarse á acción, opinar, traballar, ofrecer, cumprir e marchar para deixar o camiño limpo e aberto, para que quen queira poida libremente andar por el.

O día das votacións é moi parecido a aquel día da feira de Castro Caldelas. “Cando un perdía, outro ganaba”. Se acaso, aquí todos, tanto os que ganan como os que perden, traballan “para que gane o pobo”. E o pobo, contento? Se melloran os servizos, se a educación e a sanidade van a mellor, se as estradas, as comunicacións e as pensións funcionan,  “que máis podemos pedir?”.

Paz e despois gloria. Todo está  no programa, nese programa perfectamente pensado por xente que sabe, correctamente deseñado por especialistas experimentados, ben impreso e dixitalizado, ben preparado e disposto, dende o principio,  para aguantar o que lle poñan. O programa é como a guía que poucos len, menos cren e ninguén segue.

Te puede interesar