Opinión

Pedro Farrapeiro

Internet chegou tarde para moitos dos paisanos que, a mediados do século pasado, andaban na verea de vendedores ambulantes, gañando a vida coa maleta ao lombo ou no lombo da mula, recorrendo a terra, de aldea en aldea e de casa en casa, ofertando e comprando ou, se era o caso, intercambiando, facendo honores á economía do troco. Se na época, Pedro Farrapeiro puidera falar por teléfono aforraría horas, quilómetros e calzado. Eran, efectivamente, outros tempos. A mula era semellante, idéntica á que anteriormente acompañaba ao seu pai e á que, uns anos máis tarde, guiaba polas mesmas corredoiras ao seu fillo, tamén Pedro e Farrapeiro.

Levaban produtos necesarios, imprescindibles e difíciles de pagar. Eran portadores de novas, de novas e de vellas noticias descoñecidas: un suceso horrible acaecido naquela aldea veciña, un crime en calquera lugar de calquera concello amigo, a matanza con sete coiteladas daquela persoa ben querida, o peor do que podía pasar ou os amoríos da veciña máis guapa co paspán da ribeira. As novas tiñan pouca fiabilidade, pouca veracidade e pouca obxectividade, pero eran capaces de producir tremores grandes no auditorio.

Xunto aos vendedores de todo, ían polos lugares de Galicia moitos homes con oficios diversos e necesarios, imprescindibles naqueles tempos. Os que facían, a modo de adivais, cordas de sedas dos porcos para atar o carro coa leña, os feixes de verzas e as varas das fabas. Polas aldeas andaban os canteiros co seu latín falando, os serradores portugueses, os carpinteiros de diversas especialidades, os carboeiros que facían o carbón do cotaño das cozas, os zapateiros e zoqueiros. Recitaban versos, cantaban cancións fermosas, deleitábanse coas coplas de cego e miraban o mundo con grande alegría e con tristeza enorme ao mesmo tempo.

Petaban na porta e agardaban, abrían a maleta e ensinaban. Todas eran atractivas novidades. Cousas nunca vistas. Unha romaría intercultural e de diversidade, con músicos e facedores de instrumentos, trapalleiros de todo tipo, construtores de almadraques de palleira ou xergóns coas follas de millo secas, zarralleiros, afiadores e capadores. Todos, cada un ao seu xeito, ofertando o que tiñan, vendendo o que podían. Se existiran as redes de hoxe, a onde chegarían?

 

Te puede interesar