Opinión

Sucos de sangue

Díxoo unha veciña do barrio por onde pasan os peregrinos que veñen, de lonxe ou de cerca, peregrinando polas rotas que van dereitiñas á Catedral de Santiago. Ela, de idade avanzada, o corpo cansado polo tempo e a súa cabeza pousada nos ombreiros, dereitiña e chea de razón e razóns dixo que sempre fora e seguirá sendo boa. Xa que logo, irá directamente ao Ceo, alá arriba por onde voan as almas da xente de ben, alá, onde repousa caladamente a veciñanza que morreu de moza, de maior ou de vella, por enfermidade, por idade ou por nada.

A veciña da que falamos pasa a mañá na ventá, cos brazos cruzados, mirando como vai e volve a veciñanza, como corren os meniños e cavilando no lonxe que está ningures. Ve mal e pouco (co ollo esquerdo non ve nada), escoita mal, moi mal (co ouvido dereito non escoita nada e co outro pouca cousa). Ao parecer, unha infección en mala hora, e mal curada, deixoulle unha otite que non lle permite descansar de pé nin na cama. Por veces, aparécenlle outras síndromes que non lle deixan facer nada e moito menos escoitar o que lle falan. Pero ela quere ir directamente a onde están os seus de sempre, os de antes, e onde quere reservar praza para os seus fillos e netos. 

Tamén ten as pernas mal, anda mal, pero vai tirando. Fala do goberno, das eleccións e das pensións. “non entendo que está pasando. Aí na televisión -di- non fan más que falar e falar cada un do seu, pero non resolven, non axudan, non explican o que vén ao caso”. Pasou toda a súa vida traballando, na casa e fora dela, igual que traballaron outras moitas mulleres galegas, no mar e na terra, na cociña e na oficina. 

Agora está desolada e abatida. Cobra de pensión uns oitocentos euros e non lle chegan a nada. Está enferma e desanimada. Os peregrinos que pasan danlle alento, pregúntanlle por onde segue o Camiño e ela xa ten a resposta preparada: recto, señora, recto ata chegar á explanada. Cando sexa a hora, entren na Catedral e recen o que saiban, escoiten ao Apóstolo e pídanlle por nós e polos defuntos da casa. 

Pídanlle polo benestar colectivo, pola igualdade entre homes e mulleres, pola mellora dos salarios e pola xustiza, para que sexa sempre xusta. Pídanlle ao Apóstolo polo ben na terra, aquí nesta terra nosa e naquela con sucos de sangue arados polas guerras.

Te puede interesar