Opinión

Vivir da gobernanza

Aquela mestra nosa, galega e fraternal colega das nenas e nenos que tiñan necesidade de aprendelo todo, aquela que tanto traballaba e tanto fixo polo alumnado, dicía moitas veces que “os sabios falan porque teñen algo que dicir e os idiotas falan porque teñen que dicir algo”.  Aí está a cuestión, falan ou calan e non din nin escoitan nada. Parece o mundo ao revés sen posibilidade de enderezar o ritmo, de agarrar a manivela coa man e poñer a máquina andar.  A mestra pensa que estamos arestora nun país de idiotas que fan barullo e non falan, nin calan.

Todos sabemos que andamos cruzando tempos difíciles. Somos os mesmos de sempre, temos amigos a moreas nas redes sociais e non nos recoñecemos, non nos coñecemos ao cruzarnos na beirarrúa, na que sube arrimada á nosa casa ou na que baixa polo outro lado da rúa, desa rúa de fochancas desatendida e tamén esquecida. É como ser un ou non ser ninguén. Para quedar con aquel amigo de sempre, recordado sempre e sempre apreciado, cómpre poñer un sinal na solapa e anuncialo correctamente.

Encontráronse na estación ferroviaria, andaron xuntos e sentáronse  un ao carón do outro. Cando falaron, recoñecéronse pola voz. A mesma voz de sempre, a de cando eran mozos. Algo quedaba daquela amizade que non se borra como se borran as mensaxe amigas de facebook ou de instagram. Perduraba a confianza e moitos recordos, algúns deles das clases do bacharelato, das trasnadas e travesuras coas que andaban a diario. Cada un deles acordábase da bondade do outro, da solidariedade que os acompañaba e daquela rebeldía que orientaba e guiaba as súas accións.

Eran novos, intelixentes, traballadores, deportistas e defensores “dunha sociedade que, antes de nada, ten que ser libre, con homes e mulleres libres e capaces de rexer o seu destino”. Querían unha sociedade con igualdade de oportunidades e con respecto total, con obediencia aos maiores e aos máis novos, con políticos que respecten e teñan razóns para seren respectados. 

Acordáronse dos dicires, das explicacións e das leccións da mestra e, xunto a ela, seguirán reforzando a honestidade e defendendo a verdade, “para que. como di a Tía Manuela, tomen nota tódalas mulleres e tódolos homes que aspiran a vivir da gobernanza”.

Te puede interesar