Cantoras das verdades

Cantoras das verdades

Van polos teatros, prazas e salas musicais de Galicia e do mundo, de palco en palco, de salto en salto, cantando e falando, lembrándolle ao respectable público que os refuxiados son como eran seus pais e seus avós, xente emigrante que buscaba acougo, sosego e traballo. As irmáns Verónica e Natalia Codesal, Magali Menéndez e Marisol Palomo constitúen un cuarteto musical encomiable, Ialma, cheo de ledicia e serio, reivindicativo, explicativo e didáctico. Andan co Camiño, de Bruxelas a Santiago. Son peregrinas belgas que levan a Galicia no peito cravada. Son facedoras de patria e fana cantando, na procura da liberdade permanente para toda a xente do mundo grande ou, polo menos, para toda a xente do mundo europeo. 

Non importan os idiomas cando hai linguaxe universal e moitos ou todos se entenden con ela. Este é o caso. A linguaxe das cantoras non ten fronteiras nin parapetos que lle reduzan a forza. Charra, un dos guías de turismo máis veteranos e dos máis prezados dos coñecidos, sábeo ben. El foi quen lles aconsellou o nome de Ialma, un nome para triunfar estas mozas triunfadoras, con varios discos no mercado e con milleiros de amigos aloumiñando e aplaudindo os seus cantares, algúns deles de lembranza da avoa, que vía marchar aos seus fillos, sen saber para onde ían. Eles, tampouco. 

Agora, o grupo musical das netas está de volta no Camiño, veñen dende Bruxelas a Galicia tarareando, de ganchete coa lúa agardando a alborada, facendo país, unindo, espallando a cultura galega e a lingua galega polos países da Europa entrelazada polo Camiño de Santiago. Está visto! Galicia faise grande na mesma medida na que a cultura galega sexa respectada, na medida en que a nosa fala se entenda e sexa útil. Por iso, “miña carrapucheiriña canta, baila e lembra a fala da terra da túa madriña”. "Bailas e faisme libre", en dicir de Uxío Novoneyra.

Liberdade é o que predican estas catro fillas de emigrantes que tiveron que loitar, en corpo e alma, pola igualdade no reparto de pan e paga, e que agora son embaixadoras da súa terra onde late o corazón administrativo de Europa. Aconséllanse coa avoa, fan preguntas de difícil resposta, reparten alegría dende o escenario e miran o mundo sen reparos, cantando, falando, recitando e bailando. As do Ialma son cantoras das verdades.