Opinión

O 20-D, eleccións xerais

Os atentados terroristas no corazón de Europa, non así os de Níger que estan sendo esquecidos totalmente, centraron toda a atención informativa nestes últimos días. Foron e son aínda hoxe, a principal nova que enche páxinas e monopoliza a información dos medios. E o presidente Mariano Rajoy, vendo as posibilidades de cambiar a súa faciana de persoa distante que escoitabamos dende un plasma, aproveitou a oportunidade e abriu as portas da Moncloa para deixar entrar os chamados a ser líderes nos próximos anos. Incluso asinou co PSOE e con Ciudadanos un pacto anti yihadista, como se ate agora non estiveramos sufrindo e loitando contra do terrorismo incluíndo este.

Parece que o presidente esta a aproveitar ben a situación. De antemán tiña premeditado non entrar apoiando militarmente a guerra contra o Estado Islámico, polo menos ate que pase o 20-D. Despois veremos. E, a apertura dun dialogo como estratexia está a conseguir que o señor Rajoy apareza diante a opinión pública como unha persoa que escoita, valora e actúa, pois ate parece un home de Estado. Esta forma de actuar conseguiu desviar a atención dos cidadáns do que fixo o seu goberno durante este periodo de catro anos e que debera ser premiado ou castigado polos electores o 20-D.

Nin que dicir que, por moi duro que pareza, os feitos realizados polos terroristas en París estanlle a dar ós populares unha bolsa de aire, fronte unha oposición que tiña como principal argumento contra o goberno falar de recortes e privatizacións de servizos públicos; que tiñan como principal eixo ós malos datos do emprego, a precaridade no mundo laboral e a disminución dos cartos aforrados na bolsa da Seguridade Social. Ademais de pedir responsabilidades pola corrupción, que no PP ven de moitos anos atrás.

Parece logo que non estamos en precampaña e, a día de hoxe, soamente prima falar de seguridade cidadán. Dá a impresión de que se quere seguir a rentabilizar uns feitos bárbaros que a todos nos poñen os cabelos de punta, pero que parecen rendibles para evitar a perda de votos.

Agora, cando toca falar e lembrar o acontecido nun periodo de catro anos; cando toca falar do lexislado e das corruptelas de moitos, pero en especial a dos populares; cando toca falar de cousas concretas, pois hai que presentar un balance de resultados e tamén escoitar propostas, todo se agocha por mor de non lle dicir a verdade crúa dos datos.

Alguén dixo que esta será unha campaña baseada no medo e na inseguridade. Polo que parece, todo vai xirar sobre tres ideas: a primeira, repetir cansinamente catro eslogans basados en datos incomprobables; a segunda, repetir machaconamente varias verdades a medias ou se se quere mentiras ate parecer que son verdades (por exemplo: estamos mellor que antes e saímos da crise), e terceira: non aceptar debates. E todo isto condicionado a que non haxa outro atentado dentro da UE. Estamos nas vésperas electorais e a nosa democracia con estas campañas controladas dende moitos medios e guiadas polo poder establecido, perde. Logo despois do 20-D virán as sorpresas e os cabreos, pero non importa. Os electores logo esquecemos. Que lle imos facer, así é a nosa sociedade.

Te puede interesar