Opinión

A costa de xaneiro

Primeiros días dun novo ano que sigue co tema da pandemia, e xa van dous. Os informativos seguen a falar do covid e a súa variante. Mentres, os antivacinas louvan a un deportista que non acepta as normas dun certame de tenis e no seu país trátano de heroe. A prensa fala das inoportunas declaracións do ministro Garzón; declaración no exentas de razón, pero ditas nun lugar inadecuado e que a oposición engorda e explota contra o Goberno de Sánchez. Os rapaces comenzan as clases e en La Región o xefe provincial fala de levar o ente que preside, ou sexa a Deputación, para a vella cárcere hoxe en ruínas, cando mellor sería que nela se fixera o hotel de luxo. Mais, seguindo co que anda nos medios e na xente da rúa, algúns ourensáns xa andan a falar de se haberá Entroido, pois o de tapar a faciana xa é unha realidade dende hai dous anos, co que vestirse de felo parece moito máis sinxelo. E con estas novas, e algunhas máis, comezamos a camiñar a costa de xaneiro.

José Paz

José Paz

Xa sei que os prezos tiran pra riba e que a carreira cós soldos sempre foi a favor de determinados obxectos de consumo obrigatorio. Mais por este tempo sempre se repite a cantiga que di que todo sube.

Na cidade, seguimos cos anuncios de novos autobuses, máis policías nos barrios, un parque en Canedo e as escaleiras mecánicas. Ah, e se non hai pozas de auga quente postas en servizo, a culpa sempre é dos que lle dan apoio. Ou sexa: dos outros. Outra novidade é que o alcalde, superándose a si mesmo a actuando sen amosar unha mínima ética, ofrécelle 30.000 euros ós disidentes do seu “chiringuito” pra que deixen o escano e así reforzalo con novas incorporacións de adeptos. Está claro que en Ourense o esperpento segue e Baltar, que é quen pode arranxalo, non lle pon remedio.

Xa noutro nivel, vexo que as enquisas, a dous anos das eleccións xerais, falan de que a extrema dereita seica sairá reforzada e que ó señor Casado, de ser así, pode bailarlle a cadeira. Mais tamén percibo un país masoquista que corre o perigo de petar contra a mesma pedra autoritaria de triste lembranza. Pois nesta cidade non hai moito tempo un telepredicador, agora alcalde, con dicir que todo era unha merda e que el arranxaría todos os problemas do Concello nuns cantos meses, chegou ó poder co apoio dos populares. E agora parece un animal nunha cacharreiría e todo o que toca escarállao. Coidado co que pode acontecer a nivel de Estado.

Vexo e percibo nas conversas na rúa moito cansancio polos dous anos de covid. E tamén escoito que moitos culpan ao Goberno como se fose o causante da pandemia. Polo que non vaia ser que, de tanto criticar, logo chegue ao poder outra esperanza branca á semellanza de Trump e todos nos laiemos. En fin, animémonos a subir a costa de xaneiro que logo medran os días e despois do inverno ven a primavera. E seguro que iremos a mellor. Meigas fóra, e deixando a parte o que acontece no Concello, que o cansancio mude en ledicia que é o que cómpre, pois nunca choveu que non parara.

Te puede interesar