Opinión

O abuso dende a cadeira de mando

Cando a prepotencia e o insulto se lanzan sobor dos adversarios políticos e desaparece o argumento racional, o contraste de ideas e propostas que teñen que darlle claridade e solucións ós problemas dos cidadáns, a democracia non cumple o seu principal obxectivo. E se por riba todo eso é aplaudido, tolerado e referendado co voto por unha ampla capa social, pódese afirmar que a nosa sociedade ten un serio problema e sofre unha patoloxía severa que traerá consecuencias negativas para o conxunto da cidadanía.

Ter o micro na man, repartir ordes como se un fora dono da institución, cortar a capricho a palabra e non contestar ó que lle pide información, ou facelo furgando nas debilidades ou insultando a quen pregunta, todo eso é un claro indicativo de mala educación e de practicar a verborrea barata como argumento para fuxir de contestar a quen te interpela.

A verdade é que vendo o que acontece en certas institucións, como é o caso do Concello, como ourensán dame vergoña. E sobor de todo cando me preguntan quen goberna na cidade. Cústame dicir o que penso abertamente desas persoas que están nas institucións públicas e que, aínda que foran elixidos, son xente sen ética, sen principios e sen escrúpulos; cando debían ser modelos de persoas, pois están ó servizo dos cidadáns.. Mais non é así. “A política a min impórtame un ‘bledo”, dixo un concelleiro e deputado provincial hai uns días. Por un lado é de agradecer a súa sinceridade. Polo outro, fainos pensar: pois mira a quen eliximos! Quen non lembra a este señor afirmando na tele do seu amigo, agora sinalando cara o Concello: “En esa casa te están robando”? Triste afirmación a dun señor o que a política lle importa un “bledo” e que está a cobrar do erario. Este é o panorama da política ourensá. Esta é a realidade deste Ourense. Por eso, vendo este esperpento no que se convirtiron os plenos na cidade das Burgas, e o silencio dos conservadores apoiando, coa cabeza gacha, coa súa abstención, a quen puxeron na alcaldía, penso que é mellor esquecerme de que son de Ourense, pois sinto moita tristura ó ver o que pasa na casa de todos. 

Non deixar falar nin defenderse a quen se insulta ou a quen está nesa institución para aclarar cuestións legais é un indicativo de que quen manda nese pleno ten non só prepotencia, senón un complexo de inferioridade que o agocha dando ordes e impondo unha autoridade que o deixa espido diante miles de cidadáns. Si, diante miles de persoas que sensatamente aborrecen esta comedia bufa nunha institución que nos representa a todos e non só a nivel local e galego. E con este panorama a pregunta salta á vista: que autoridade seria pode recibir a un alcalde como embaixador dun concello para plantexar un asunto ou buscar subvencións públicas? Quen se pode fiar de quen actúa como se a institución fose a súa empresa? Pois señores, eso é o que temos na cidade das Burgas, pero arroupado polos votos que, non sei si reflexivamente ou cos ollos pechados, emitiron moitos ourensáns. 

Insultar dende o poder soltando verborreas permanentes, cortando palabras, interrumpindo cando lle peta e, o que é peor, menosprezando e insultando dende a cadeira de mando, só se xustifica polo ánimo da notoriedade que se busca, e todo para fuxir e agochar debilidades e carencias. Pobre home quen isto practica. Como se escoita popularmente: non che é nada máis ca un pequeno diaño. En fin, que nesta cidade estamos condenados a ver un sainete chocalleiro nos plenos e a ver ós conservadores apoiando e mantendo esta situación coa cabeza gacha, pois dalles vergoña o espectáculo, resulta patético. Pero calan, outorgan e apoian mentres a cidade esmorece día a día.

Te puede interesar