Opinión

Aconteceres semanais

Hai novas que pola súa natureza deixan tras de si unha reflexión e un gran lastre. Novas que pola súa magnitude crean un sentimento de impotencia pois, o acontecido supera con moito a ficción. Pero tamén hai outras que están moi preto de nos, e por seren de carácter menor, non deixan de teren importancia e afectarnos directamente. Pois ben, despois de ver a  impotencia que transmiten as grandes noticias como a do avión esnaquizado nos Alpes, referireime a esas pequenas cousas locais e galegas que tamén nos afectan e moito.


Primarias abertas á cidadanía
A aterraxe na política dun grupo de persoas cun discurso purista, superdemocrático  e  antipartidario levounos a que o domingo pasado houbera na cidade unhas primarias para elixir cabeza de lista do grupo chamado Ourense en Común. Nelas, seguindo as pautas establecidas, saíu vencedor, por un estreito número de votos, Xosé Mosquera. Máis como ós organizadores non lle cadraba o resultado pois daban por sentado que a consulta colocaría de cabeza de lista a outro candidato, pois con argumentos falaces de “Carretaxe de votantes”  anularon o proceso. E con tal decisión  deixaron claro que a democracia é algo interpretable á comenencia de quen organiza os procesos. Vamos que os antipartido, os puros, os castos e  independentes demostraron que son moi febles e nada de fiar, pois montaron toda unha pantomima que resultou ser puro teatro e desprestíxio para unha candidatura que  ofertaba  algo diferente.


Xustiza
Tamén na nosa cidade a Xustiza volveu a retomar, non sei con que criterio, o asunto das Asistencias técnicas no concello da cidade. Asunto pechado e solucionado dende hai un tempo coas persoas afectadas. Pero que a  fiscalía considera aberto e polo tanto volve a imputar a xentes que daban o caso por arquivado. Desta maneira un asunto menor, eu diría irrelevante, que debería solventarse polo camiño administrativo, segue o vieiro penal, para darlle satisfacción non sei a quen. Pero a xustiza é como é, lenta, pausada, tardía e falará o que considere,  cando o considere. Pero esta xustiza tamén ten nas súas sentenzas grandes contradicións. Pois hai uns días, o alcalde dunha vila ourensá admitiu que contratou a un grupo importante de persoas no concello de forma ilegal,  pero a xustiza entendeu que aínda que vulnerou a legalidade, como o fixo en favor do ben común, o asunto quedou arquivado. Ou sexa: barullo, titulares de prensa, e logo todo fume.


Case non medramos
Outro asunto que, aínda que esperado, choca c--ontra a política de bla bla bla do goberno da Xunta e do seu presidente está referido ó índice de crecemento da nosa economía. Imos polo bo camiño, repite Feijoo como se fose un mantra. Medramos, reducimos o paro, enriba aforramos e cumprimos os obxectivos marcados por Madrid. Mentira permanente. Medramos décimas, pero estamos á cola do que medran as demais comunidades do Estado. E dentro desa cola Ourense provincia, na cola de Galicia.
En fin, tres  novas que saíron á luz esta semana, e que debían facernos reflexionar do futuro que nos agarda. Pois ben,  agora que estamos na semana da reflexión e da penitencia,  habería que  imporlle algunha carga ós responsables dos citados asuntos para ver se corrixen e lle poñen solución a estes e outros asuntos que  nos afectan como persoas dunha sociedade que se di moderna.

Te puede interesar