Opinión

Benposta: punto final

Con máis pena que gloria anunciouse a venda dos terreos onde tantos anos estivo asentada a denominada Nación de los Muchachos. O final, que dende anos parecía cantado, materializouse e Benposta sede matriz pasou á historia deste Ourense, cidade e provincia onde non pasa nada salientable que non sexa ir esmorecendo día a día, aínda que as autoridades que nos gobernan digan o contrario e nos conten milongas para calmar e xustificar as poucas ansias que hai para tentar saír deste marasmo.

A obra do pai Silva pasou a mellor vida coas súas luces, que son moitas, e tamén coas súas sombras, que as houbo. O certo é que, para os que tivemos máis preto a estes veciños, o silencio das músicas dominicais de hai moitos anos e a ausencia dos rapaces da Cidade dos Muchachos notouse, e no fondo de todos nós existe un baleiro que trae moitas saudades e lembranzas de historias vividas ó ver os indicadores que están á entrada de Benposta.

Benposta foi unha experiencia educativa moi interesante que naceu alá polos anos 50 do século pasado. Pretendía crear líderes para cambiar o mundo. O fundador, Jesús Silva, para explicalo debuxaba unha pirámide na que, na súa base, estaban os máis fortes e na cima, os máis débiles, que eran os nenos. Esta realidade que leva o nome dunha finca que viña a dicir ben situada, durante a súa existencia deu moitas portadas de prensa nas que se reflectían os éxitos do circo, premios e aspectos positivos que axudaron a que o nome de Ourense se coñecera alén das nosas fronteiras. Na súa andaina mantivo unha escola de circo, outra de imaxe e son e a súa televisión foi o voceiro de programas de debate certamente interesantes para o momento, ademais das longas prédicas, as veces un tanto escabrosas, nas que o seu fundador arremetía cun aire mesiánico contra as autoridades políticas do momento por non entender as causas consideradas xustas e non apoiar o seu proxecto.

Con todo o feito e camiñado no tempo, esta institución entrou nunha fonda crise a partires dos anos noventa e, por diversas causas que non veñen ó caso, chegou á situación actual. Cabería preguntarse polas razóns que fixeron que un proxecto como este non fora capaz de tomar corpo e superar á ausencia do seu fundador. E antóxanseme varias respostas. A primeira, e penso que a máis importante, é que Benposta dende o seu inicio non soubo adaptarse ós tempos e manter unha relación cos axentes sociais regular e seria para cumprir compromisos coas administracións públicas e tamén privadas. E, como consecuencia disto, non atinou a modernizarse e situarse nunha sociedade que avanzaba e deixaba atrás anos de miseria e acomodarse ós novos tempos. Outra das eivas, e dígoo con todo o respecto, é que cantidade de veces quen dirixía esta institución presentábase diante a sociedade nun plano de superioridade con respecto ós demais, como se o que el dicía estivera por enriba do ben e do mal. E esta posición levou a institución a perder prestixio e apoios na sociedade.

Logo viñeron as denuncias, as loitas xudiciais e paso a paso chegouse a situación actual. Triste final para unha institución que foi bandeira de progresismo durante unha ditadura e que logo esmoreceu por non saber ler que os tempos mudaran dende o seu nacemento idealizado e altruísta. Para o recordo quedan imaxes dun pasado fermoso; quedan cantidade de persoas, boas persoas, que se educaron e se fixeron homes de ben para esta sociedade nesa institución. E quedan follas e follas de prensa con novas relativas aos aconteceres, andainas e proxectos polémicos que nunca chegaron a bo porto, como o da cidade do deporte que con tanto bombo se anunciou polos gobernantes do momento. En fin, queda no fondo de todos nós un sabor agridoce e certa tristura polo final coñecido.

Agora, cando un grupo de exbenposteños tenta reverter a situación da venda e revivir a esencia do proxecto, soamente queda un desexo: que teñan sorte.

Te puede interesar