Opinión

Buciños

Celebro que o XXXIX premio da Casa dos Poetas de Celanova deste 2023 o leve Manuel García Buciños. Nos tempos da globalización económica e cultural parece que hai moi pouco espazo para o arte, a xente da cultura en xeral e para as chamadas expresións das culturas minoritarias e locais. Pois, aínda que pareza un gran avance, a globalización ten os seus defectos, dado que soamente crea masa uniforme que remata coa diversidade que nace nas sociedades. A forma distinta de ver o mundo e a realidade enche o planeta de policromía e iso é unha riqueza. Todo ó contrario do que persigue a uniformidade idiomática e artítitica nos movementos e correntes culturais. E si ben, no caso deste artista das formas e da modelaxe, o fenómeno globalizador afecta menos ca noutros campos, propoño que reflexionemos sobor das vantaxes e inconvintes que trae a sinalada globalización cultural. 

Manuel Buciños pertence á xeneración dos artistiñas, nome co que Vicente Risco chamaba a un grupo de mozos con inquedanzas culturais e artísticas que nos anos da ditadura pretendian abrirse camiño naquela España e por extensión Galicia en branco e negro. 

E ó falar dese tempo e deste escultor que levou a súa obra por toda Galicia e fora das súas fronteiras, as lembranzas volven á memoria e revívense datas e aconteceres. Manuel García, aínda que nado no concello lugués de Carballedo, é un ourensán na súa totalidade, pois nesta cidade é persoa moi querida. Nela estan obras moi importantes del expostas ó publico. E ó falar del lembro os tempos da transición política e a militancia no PSG (Partido Socialista Galego) xunto con outros compañeiros como Carlos Martinez Alonso e Salvador Rei xa finados, Carlos Guitián, Lazcano e outros. Todos soñaban con ter unha forza política de seu para esta terra. Eran os primeiros anos da democracia e o compromiso político era preciso e moi necesario pra camiñar cara un tempo novo. Daquelas, moito máis novo ca eles, escoitaba as súas razóns e argumentos con moita atención. Pois todos soñaban un tempo distinto e moito mellor co que lles tocaba vivir. 

Os anos pasan e, por ciscunstancias que non veñen ó caso, falei moitas veces con Buciños; e vin as súas esculturas, maiormente en Bronce, non só na súa casa de Bobadela. Vin as súas maternidades que desprenden elegancia, sensibilidade e amor. Os seus persoeiros como Otero e Castelao.Todas son imaxes con vida que transmiten unha mensaxe nunha linguaxe sen texto. Son como siluetas estilizadas que se moven no vento e que nos obrigan a pensar e, en certa medida, obrígannos a idealizar o concepto de beleza. Non teñen nome, mais falan. Polo que descubrín a unha persoa chea de humanidade e cunha sensibilidade especial. Descubrín a un ser humano preocupado polo presente que transmite proximidade e un gran amor por esta terra. 

Nestes tempos, nos que en Ourense cidade, o feito cultural en xeral é menosprezado pola oficialidade e pouco demandado polos cidadáns; nos tempos do consumo acritico e da mecanización e da robótica serialista é moi importante aplaudir as actividades que se fan os creadores como Buciños. Tamén é moi importante aplaudir as actividades culturais que se organizan na provincia neses pequenos concellos, pois son o contrapunto á escuridade que nos invade na vella Auria. Por esta razón, cabe neste caso felicitar á Casa dos Poetas por manter vivo un galardón que indica que, a pesares de que na cidade das burgas se deixan caer e morrer certames musicais e premios culturais, en Celanova sigue aberta unha fiestra para o mundo da cultura.

En fin, dende esta liñas quero felicitar a Manuel Buciños polo galardón e a todos os artistas e entes que traballan pola vida cultural nesta provincia.

Te puede interesar