Cabreo e oportunismo

Cabreo e oportunismo

Vivimos nunha sociedade na que o cabreo social sae á luz por todas as costuras. Cabreo que ven dado pola forma de gobernar de quen manda, da grande cantidade de corrupcións e asuntos escuros que saen por tódolos sitios; tamén polo inxusto reparto das cargas da crise que cae sobre os máis débiles. E no medio dese magma, xogan os oportunistas que aproveitándose desas leas e decisións irrompen, uns dialecticamente, e outros rachando e arrasando con todo, co único obxectivo de amosar que isto é pouco menos que unha sociedade que vive no caos permanente. Son moitos os casos que se poden poñer de exemplo. Algúns moi tristes pero sumamente contraditorios. Fixareime en dous que vivimos recentemente.

Hai uns días, os seguidores dun equipo francés sementaron o caos en Euskadi antes dun partido de fútbol. No medio de tanta tensión un axente da policía vasca finou por mor dun infarto. A cousa pasou como se nada. Era un policía, que máis dá. Con todo, en Madrid, un senegalés morre despois de, suponse, correr un bo anaco de tempo, din que fuxindo da policía, pero non hai agresións e móntase unha lea monumental. Primeiro foron as redes sociais onde a noticia voou chea de esaxeracións e falsidades. Logo viñeron os insultos e as comparacións que incitaron un vandalismo que esnaquizou bens públicos e privados. 

Tamén hai uns días, todos soubemos do asasinato do neno Gabriel. Pois ben, aproveitándose da dor das familias, autoridades do Goberno e o voceiro dos populares no Congreso atízanlle con tal morte e outras moi coñecidas á oposición. E todo para xustificar a cadea perpetua revisable en certos delitos. Este tema, que debería estudarse nun debate sosegado, con datos e coa lexislación na man, convertese nunha macabra forma de xogar coa dor das familias. Pero isto que parece unha maledicencia, ate nos púlpitos o escoitei. Fun coa idea de gozar da música dun coro ourensá na apertura da Semana Santa. E o crego que fixo o pregón ate falou da nai e, como non, de Gabriel, o neno asasinado pola “bruxa”, e todo para facer certa comparación co sufrimento da morte e a ventura que nos espera no ceo. E así xógase coa dor, claro, con diferentes obxectivos. Uns, co oportunismo político, outros co morbo e outros con crear caos.

Vivimos, e parece que a cousa ten mal arranxo, na tensión permanente e calquera chispa acende o lume do descontento. Uns empregan o deporte para manifestalo, outros calquera incidente social para facelo, e así imos camiñando. A crítica en quente sen comprobación de feitos, o oportunismo de moitos dirixentes políticos en aproveitar o momento de maneira partidaria, os profesionais do vandalismo coa súa forma de actuar tan bárbara... todos axudan a aumentar a sensación de que a nosa sociedade vive no caos permanente. 

E todo isto acontece nun tempo onde a reflexión e a cordura estase perdendo. Ben sei que o espello e os referentes políticos, éticos e morais están desaparecendo. Que quen goberna faino dende unha óptica moi pouco social. Que as institucións están cheas de defectos. Pero, ver so o erro nuns casos e silenciar outros é un mal camiño. Por iso detesto a falla de ética cando se exerce o poder. E igualmente cando, sen saber a verdade, se critica de maneira dura calquera actuación dos poderes públicos, pois desde ese momento estase axudando a que a desconfianza e as súas consecuencias negativas medren nunha sociedade cada día máis propensa ó cabreo.