Cada cousa no seu tempo

Cada cousa no seu tempo
 

Moitas veces un dito popular concreto axúdanos a poñer un chisco de orde nos obxectivos que temos no percorrer vital. Ben é verdade que, nos tempos actuais, parece que as prioridades da xente, e sobre todo dos máis novos, son dunha maneira diferente ás dos nosos tempos mozos, e de consolidarse estas poden ser algo máis ca unha moda pasaxeira. Aínda que o paso dos anos sempre pon as cousas no seu sitio. 
Nalgún momento o obxectivo da nosa vida era acadar as cousas útiles e necesarias para camiñar pola vida con certa dignidade. Traballábamos para o que nos era preciso e pouco máis. Actualmente, por estarmos mergullados na sociedade do consumo e no de satisfacer caprichos, polo que os obxectivos empezan a ser outros ben distintos ós de antano.

Con todo, chegou a hora de racionalizar, de poñer un orde de prioridades e non deixar que certas cousas, por moi importantes sexan, marquen o camiño das nosas vidas. Sempre se dixo que hai un tempo para a infancia, outro para adolescencia, outro para a mocidade e outro pra a procreación, etc. Xa sei que as cousas mudan. Que hoxe a adolescencia e a xuventude prolóngase por comenencia moitos máis anos que cando nós eramos mozos. Que iso de asumir responsabilidades resulta moi complicado. E por iso, é mellor alargar o espazo da folganza, pois xa chegará o tempo de ter que apandar con pesadas cargas e responsabilidades. Ben sei que andamos en épocas distintas, que a precariedade laboral é un feito, que os salarios son de merda e que formar un fogar ten un custo importante. Pero, con todo o dito e con todos os problemas actuais, tamén se percibe certa gaña de vivir sen complicarse a vida; vivir sen enfrontarse á realidade. Ou se o prefiren, optando nalgúns casos en antepor intereses de consumo por outros que traen responsabilidades para toda a existencia.

Ben sei que o que digo pode resultar incluso non correcto para algúns. Pero xa se escoitan voces e ven casos nos que se antepoñen os caprichos de desfrute a coller cargas que por lei de vida serían normais. Por exemplo: a día de hoxe hai persoas que lle importa máis coidar ós cans que ten, que axudar e darlle compañía os seus maiores. Tamén existe o que lle pon como condición a súa parella o coidado dos animais de compañía, pois son o centro da súa vida, polo que a parella é un tema secundario. E isto implica que, primeiro están os animais logo as persoas. Pero o caso que máis me chama a atención está referido á maternidade en idades moi tardías. Que a maternidade é unha decisión fundamentalmente da persoa, pois si. Pero será aceptable ser nai ós sesenta anos ou máis? Poderá esta persoa educar e coidar a un fillo cando ela teña 75 e o descendente 15? Esta pregunta ten complicada resposta. Mais parece que a maternidade a estas idades non é algo normal aínda que ciencia o permita. E mais ben semella que é decisión para darlle satisfacción a unha frustración ou a un capricho, a costa de pór en risco o futuro dos fillos.

Como tantas persoas entenden, para cada cousa sempre houbo un tempo. Actualmente existe moita confusión e empézase a non distinguir aquelo que é necesario do que non o é; do que é preciso e fundamental e do que é un capricho. Do que se debe facer en función da natureza e a saúde. Alongar os prazos da mocidade para vivir e non acadar responsabilidades de adulto, en certa medida, é unha anomalía. De confirmarse esta tendencia, pódese dicir que mal imos como sociedade, pois estamos perdendo a mesura e o sentido común. O dito popular: cada cousa o seu tempo, pode aportar algo de luz, dado que as cousas fora de idade nunca foron boas.