Opinión

Calquer tempo pasado foi mellor?

Dende hai anos observo que, por aquelo de andar tan enfrascados en todo o que se entende por modernidade, case sempre esquecemos transmitirlle ós que están a caron noso como foron os tempos pasados da nosa nenez, adolescencia e mocidade. E digo isto pois os nosos fillos e netos, nunha grande maioría, descoñecen tantas cousas positivas e negativas da nosa andaina vital que mesmo parece que non existiu pasado algún, e que chegamos ó presente por pura casualidade sen que houbera moitas complicacións, sacrificios e conflitos. E xa se sabe que quen non coñece o pasado dificilmente entende o presente e menos pode atisbar o futuro. Con esa carencia, valorar o presente é certamente complicado. Por iso a resposta que dan moitos adolescentes e mozos cando lles falas do pasado que viviches é moi contundente: non me contes milongas.

Agora que empeza a Semana Santa e case só se fala de vacacións, afloran as lembranzas sobre todo para facer comparanzas do que foi un tempo que xa é historia. O primeiro que recordo é que nestas datas dende os púlpitos os cregos andaban enfrascados pedíndolle ós fregeses que os días de gardar non se traballaba, pois había que santificar a Deus. Os tempos, anos 50, eran moito máis difíciles cos presentes e o sector primario era unha base de sustento, polo que a xente traballaba os sábados todo o día e tamén os domingos para mellorar a precaria economía familiar. Ademais non había nin existía concepto de paro nin de subsidios. Nin se mentaba. Emigrábase e nada máis.

Daquelas a semana remataba o sábado a noite, pois aínda non chegara o “sabado inglés”, moda que implicaba que a xornada remataba ás dúas dese día, e pola tarde non se traballaba. Pero, para os que vivíamos no rural, ir ó eido á tarde a facer as labouras propias do tempo, como sementar as patacas, os guisantes e preparar as terras para os tarreos, era case unha obriga.

A semana de Paixón tamén tiña algo especial, alomenos para min, pois naqueles días todas as emisoras programaban música clásica e eu podía escoitar as grandes obras de Bach, Mozart e outros autores, aínda que fora pola mañá do xoves no eido.

Outro dos datos que lembro é que nas igrexas tapábanse os santos en sinal de loito ate o chamado Sábado de Gloria, cando se tocaban as campás. Tamén lembro as procesións, tan luctuosas, tristes e medoñentas, cousa que ós mais novos dábanos certo reparo. Tempos aqueles cando o traballo e a relixión eran o feito fundamental da existencia nos pobos e aldeas, pois soamente se vivía para traballar e rezar facendo penitencia.

Todo muda e a nosa sociedade tamén cambiou moito. As formas de vivir dos anos 50 do século pasado e as necesidades, comparadas coas de hoxe, son moi diferentes. Daquelas vivíase moito peor que hoxe, pero case non existía o agresivo consumismo e individualismo que agora forma parte da nosas vidas. Cada sociedade ten os seus problemas e as propias necesidades, e facer comparacións so serve para, dentro do posible, valorar o que temos un chisco máis e ver o presente doutra maneira. Aínda que entendamos que calquer tempo pasado non foi mellor co presente.

Velaí a necesidade de saber dos nosos avós e pais, das súas historias; saber máis da nosa terra, e de entender como chegamos ate hoxe. Todo iso permitiranos manter un diálogo entre xeracións e saber o porqué de moitos aconteceres que non atinamos a razoar. Ver as cousas dunha maneira máis crítica permite intuir que toda modernidade non significa progreso, e a pesares da crise dura que soportamos, ver a parte mellor das cousas que é tanto como tratar de vivir da mellor maneira posible.
 

Te puede interesar