Opinión

Camiño das municipais

Pasados os Reis e rematadas as festas do Nadal, a vida volve á normalidade. Os diferentes grupos políticos empezan a mirar con máis empeño cara o mes de maio, onde se medirán as forzas nas urnas, e para esa data, a cidade de Ourense e tamén a provincia comeza a estar no punto de mira, pois desta vez a cidade xógase moito. Dese resultado electoral non só está en xogo a alcaldía da cidade, senon que tamén o futuro desta provincia ida a menos e con elo o percorrido de Baltar.

A vida política no resto das cidades galegas camiña con moita máis normalidade que en Ourense e ese será o acicate para que os diferentes grupos políticos poñan en solfa que tanto a cidade das Burgas como a provincia non poden seguir o camiño cara a nada que leva dende hai unha boa chea de anos. En Ourense, fronte ó resto de Galicia, agromou unha herba gramínea que fai que esta terra de interior estea afogada por un corsé que lle impide ver un futuro e que a día de hoxe so aspira a vivir presa dunha sumisión que a leva camiño dunha insignificancia que arrepía.

Por un lado, temos na alcaldía un grupúsculo de xente que, liberados dos que os subiron ó poder sen ningún tipo de proxecto nin racionalidade, despilfarran os cartos públicos dunha maneira que asusta. E nesa lea, os populares, que foron os que apoiaron ao alcalde e o puxeron na cadeira municipal, non saben como reaccionar diante de tanto disparate. Mal o ten o sr. Cabezas para reverter a situación actual e recuperar os máis de dez mil votos perdidos. Nesta situación atópanse os socialistas. Non tiveron altura de miras e esqueceron que na política sempre é mellor o menos malo que querer ter todo. E agora están fora de xogo. Veremos se o exalcalde Paco lle dá un empuxón e é capaz de reverter a situación. Do grupo do partido Cidadáns, nada que dicir, desaparecerá da Corporación e asunto finiquitado. E dos demais, queda o Bloque, que ten a unha moi boa persoa ó seu frente, pero que, como os demais grupos, renunciou ó apoio da xente e a quitala á rúa cando os desvaríos e insultos do alcalde eran motivo de vergoña para milleiros de ourensáns. E agora veremos que acontece diante dun Jácome que se sinte intocable. 

E nesas estamos, onde un cuarteto malgoberna a cidade a golpe de talonario. Ou sexa: adxudicacións de pequenas obras de maneira directa, supoño que cun informe a medida dalgún técnico do Concello ou contratado. Todo perfecto para que esta xente aspire a perpetuarse polo menos catro anos máis. Mentres, todo o importante, Praza de Abastos, servizos públicos, PXOM, os parques públicos esnaquizados, o perímetro rural esquecido, a cultura sustituída por festas onde se disparan os gastos, e un longo etc., son o caldo de todos os días. En fin, todo o importante espera turno e xa se fará cando toque. 

Este é o Ourense de Jácome e os seus comparsas. Este é o Ourense onde as promesas dun predicador que anunciaba que en tres meses todo estaría solventado se quedaron en nada ou, mellor dito, nunha trola na que milleiros picaron no anzol. 

Non sei se os ourensáns son conscientes de que dos resultados das municipais na cidade se xoga tamén o mandato na Corporación provincial, polo que moito van ter que trocar as cousas para abrir un raio de esperanza na cidade e na provincia. Por moito que se fale de mellorar, se na cidade non hai un troco que arrime ó recuncho da escuridade a Jácome, nada vai mudar en Ourense. 

En fin, comenza a carreira das municipais: comenza un tempo moi definitorio para o futuro da cidade e da provincia de Ourense. Esperemos acontecementos. 

Te puede interesar