Opinión

Carta ós Reis

Uns días antes dos Reis, despois de facer balance do ano, márcanse os obxectivos e proxectos para o novo tempo que comeza. Os rapaces escriben nun papel o que lle piden ós Magos e, dunha maneira ou doutra, todos facemos unha lista de obxectivos que van dende o persoal ate o familiar e que marcan o camiño a seguir.

Pois ben, sabido é que Ourense, tanto na cidade como a nivel provincial, pechou un ano escuro e falto de ilusións. Un ano deses que é mellor esquecer. Vamos, como se non existise. E non foi todo o mal derivado da pandemia. A deriva ourensá na que estamos dende hai anos soamente nos leva a manter un dito moi popular que indica conformidade: que lle imos facer, é o que hai. O ano 2021, salvando a chegada do AVE, soamente trouxo anuncios, ou sexa, fogos de artificio, mais ningún proxecto salientable que animara esta decaída provincia. E no caso do Concello soamente hai desleixo e plenos de esperpento onde nada serio de utilidade se fai para a veciñanza. Polo que a carta ós Reis, ou a quen corresponda, faise moi necesaria. Aínda que é posible que de nada valga, pero por mandarlla que non quede.

En primeiro lugar, pediríalle ós gobernantes do Concello, ó alcalde e tamén ós que o apoian, que tivesen altura de miras para afrontar os graves problemas da cidade. E especialmente ó alcalde un pouco máis de xuízo, pois o desatino que hai na casa de todos cada día é mais patente.

En segundo lugar pediríalle o presidente provincial que deixe de vender fume con anuncios que soamente traen titulares de prensa e que nada aportan para mellorar a situación desta provincia. Presentar como un grande avance e mellora facer un anagrama polo cumprimento de douscentos anos do ente que preside é como tirar un foguete ó vento cando non hai festa.

En terceiro lugar, a todos eses oito deputados ourensás que lle dan apoio ás políticas de Feijoo na Xunta, pedirlle que fagan propostas positivas e reivindicativas para sacar a esta provincia do buraco no que está. Alguén escoitou unha proposta para que a Xunta lle dea uso os terreos do Val da Rabeda para aumentar o chan industrial hoxe tan escaso? Non.

E ós que están en Madrid, que falen das necesidades desta provincia. Pois nin estación digna, nin os trens de media distancia funcionan como deberan, nin melloras para o despoboamento do rural, nada de nada. Ás veces dá a sensación de que non hai deputados nesta provincia e que nada aportan para a mesma.

En cuarto lugar, ós deputados que apoian o Goberno do sr. Sánchez, lembrarlles os compromisos que colleu na investidura con esta terra e que se escoiten no Congreso as reivindicacións desta provincia de interior que esmorece día tras día.

En quinto lugar, non podo deixar de pedirlle ós deputados da oposición en Compostela que, como os oito deputados populares están alí como momias e nada serio e salientable para esta provincia reclaman, que sexan eles os que tomen a iniciativa e fagan propostas. Estar no Parlamento para dicir que todo está mal, non é suficiente. Fagan propostas serias e razoadas e todos sairemos gañando.

Por último, quixera pedirlle as forzas vivas, CEO e demais organizacións, que non se durman nos loureiros; que poñan riba da mesa as reivindicacións do seu ramo diante os concelleiros e o presidente da Xunta para que saían a luz, pois todo o que non está na mesa da política endexamais será realidade.

En fin, Ourense non pode camiñar un ano máis sen obxectivos nin metas que lle poñan fin ó deterioro desta provincia que morre ano tras ano; e faino diante a pasividade dos que son os nosos representantes públicos; diante uns gobernantes que soamente están pra quentar o escano.

Espero que as súas maxestades os Reis, ou quen corresponda, tomen boa nota do exposto; seguro que os ourensáns agradeceranllo.

Te puede interesar