Opinión

Cousas doutro tempo

Amedida que pesan os anos, os recordos do pasado bulen na memoria. E  as fotos  daquel tempo, daquel Ourense dos anos sesenta do século pasado,  lembran  datas  da nenez  e da  mocidade. Son imaxes agochadas no baúl dos sentimentos que  toman vida.  Os humanos non seríamos ren se non tiveramos pasado;  na nosa existencia partiríamos  de cero. Seríamos  como  uns seres pequenos expostos a tantas cousas que viviríamos  perdidos e abraiados no mundo presente se non houbera quen nos guiara. 

Camiñar sen pasado e sin coñecer polo menos o inmediato é tando  como deambular polo  mundo,  estando expostos a todo tipo de perigos, sorpresas e  imprevistos. 

Escribo esto,  pois  moitos mocetes e autoridades locais noso tempo,  cando ven a unha persoa maior e lles  fala  dos tempos vividos e de como era aquela sociedade na que   medrou e se formou,   axiña contestan  concerta  soberbia: non me fales do pasado, pois non me interesa.  E como mozos  e autoridades que son ignoran que, o camiñar pola vida atesoura unha boa ristra de saber, de esperiencias e de moitas cousas máis que son moi interesantes e que convén ter en conta. Eu que sigo con atención as fotos do pasado recente de Ourense  que publican  os medios  e  tamén as crónicas que as acompañan valóroas moitro,  pois  son a chave  pra saber   da evolución desta nosa cidade e de como se vivía tempos atrás. E por eso sei que o Concello de Ourense era moi pequeno e que, a partires do ano de 1948, en plena ditadura, absorveu por decreto ó concello de Canedo no que estaban moitas empresas e que era e é  moito máis extenso co das Burgas. E que a partires dos anos sesenta do século XX foi o gran momento da expansión da cidade. Medraron os barrios de San Francisco, de Marcelo Macías e un longo etc. Os cartos da emigración deron lugar ó crecemento, un tanto anárquico, do Ourense actual e, o único barrio que naceu e  medrou, con certo orde, foi o das Lagoas. E podería seguir contando moitas máis cousas. Mais a día de hoxe observo con certa tristura que, lugares emblemáticos como o Posío, e a Alameda   están  en plena decadencia e abandono. Lembro tamén as festas da cidade e aquelas Batallas de Flores xunto coas verbenas do Posío;  recordo o Festival do Miño naquela cidade que creaba e protexía a cultura.  E digo todo esto, pois  a día de hoxe, percibo unha cidade en franco retroceso. Unha cidade  na que os seus gobernantes ignoran moitas cousas do seu pasado, e non queren coñecelas. E por eso non  aprecian  feitos e actividades que lle daban lustre a esta urbe. E ainda que fose en plena ditadura Ourense tiña xente ilustrada, e marca dentro de Galicia, cousa da que hoxe anda moi  escasa.

Sempre mantiven que, quen non coñece o pasado camiña perdido polo presente e toma como referente temas que non aportan nada. Mellor modas  que desvalorizan o propio e que convirten ós cidadáns en masa bruta facilmente manipulable. Claro que ó mellor é o que persiguen. E eso acontece por moito que manque  hoxe con moitos dos nosos  gobernantes. 

Pode que sexan cousas da modernidade barata que nos invade. Pode que coa nosa preguiza todos axudemos a que cheguen ó poder persoeiros baratos, mellor,  charlatáns embaucadores que,  deixen  desfeitas as institucións onde mal gobernan.

Hoxe ó ver por onde camiña esta cidade atópome  desacougado, pois  na urbe das augas frevendo,    todo anda  fora da normalidade democrática. Que a cultura nin existe nin se busca. Que o pasado non se coñece, non se divulga,  nin interesa.  E tantas cousas máis. Polo  que vexo unha urbe que morre día a día no solpor dun silencio complice que nos arrastra a todos. Que quedan tres anos longos pra ver se escampa. Sí, pra que  volva á cidade un vento que mos  avive e traia  un futuro mellor pra todos.  Ah, e non son cousas doutro tempo. Son realidades do presente.

Te puede interesar