Opinión

Un crego de parroquia

“Tiña os cabelos prateados, sorriso de cristal,
tiña un corazón moi grande e inmensas gañas de loitar.
Voz impetuosa e delicada; alma entregada
á crenza herdada na nenez.
Sutil sabedoría, e un amor que con todos compartía.
Sentía o común como propio; do pobo amaba a súa historia,
sen pretender fama nin gloria.
Tiña os cabelos prateados e inmensas gañas de loitar.”

Otexto inicial pode definir a Miguel Fernández Grande, crego que deixounos hai uns días. Home de fondas conviccións relixiosas e galegas que podía aspirar a un cargo superior dentro da xerarquía relixiosa e que asumiu, con humildade, ser crego nunha parroquia do rural onde o mandou castigado o bispo Temiño. Foi nos anos sesenta do franquismo e ali estivo ate a súa xubilación.

Miguel é a persoa perfecta que precisa unha parroquia do rural. Foi o crego ó que aspiran moitos lugares desta nosa terra. Pois, ademais de ser un home de gran coñecemento e de fondura intelectual, foi unha persoa que soubo adaptarse a un espazo vital, pondo en práctica a verdadeira vocación de servir aos demais dende o ministerio relixioso. E fíxoo achegándose á xente e facendo del os seus problemas. Ou sexa: axudando incluso nas tarefas do campo. Pódese dicir que pasou da teoría á practica empatizando cos seus fregueses; falando cos crentes e non crentes; achegándose á xuventude e asumindo primeiro a súa forma de vida. E neses longos anos fixo unha labor importante, dado que traballou a reo pola cultura que vive no rural e que é tan menosprezada en moitas partes da sociedade actual. Traballou para eliminar complexos e devolveulle aos seus veciños o orgullo de ser galegos e de vivir onde a natureza está máis preto da xente.

De Miguel poderíase dicir que foi a persoa que puxo en práctica todos os saberes e mandatos que fan falla aos humanos para que unha sociedade rural mellore; para que sinta orgullo de ser, resistindo moitos embates e menosprezos que existen contra ise mundo. Enumerar a súa labor non é preciso, mais si é necesario subliñar que, fronte aos curas “de oficio”, que tamén existen, que son aqueles que veñen facer o oficio relixioso, algo semellante ao que fan os avogados que se contratan para un caso concreto, e non intentan afondar nos problemas sociais e humanos da parroquia para axudar a resolvelos; que son intelixentes e sentan cátedra cando falan, mais que viven outra realidade intelectual e que non pretenden facer comunidade, ou sexa parroquia. E fronte a ise modelo, aparece a figura de Miguel, un ser humano extraordinario que representaba todo o contrario.

En Seixalbo, a Miguel lembrámolo con moito cariño pois, no 2018, recibiu o premio Freire Carril. Ise modesto premio que, nesta pequena vila, tenta destacar a aquelas persoas e institucións que traballan pola cultura, pola defensa do público, pola nosa lingua e que son esquecidas polas institucións oficiais, pois estas, diante o feito cultural -e na cidade de Ourense temos un bo exemplo-, ignoran resaltar a aquelas xentes que coa súa labor potencian o feito de vivir en comunidade. Son autoridades que están ausentes, non sei se por estar ceguiñas e xordas ou por seren uns bárbaros con garabata.

En fin, unha gran persoa foise deste mundo. Mais queda a súa labor que deixou fonda pegada máis alá da Limia e que, para moita xente, será unha guía a seguir no camiñar pola vida.

Te puede interesar