Opinión

A crise do PP e o populismo

Non me gusta falar dos partidos políticos cando andan en crise. E menos tomar posicionamento diante a situación dun grupo co que non teño ningunha afinidade. A política partidaria, necesaria para organizar grupos, facer propostas e plantexar solucións dos asuntos públicos, nunca estivo exenta de persoas que, dentro desas organizacións, soamente buscan o poder, pois teñen ambicións sen límite que van máis alá da defensa e arranxo dos problemas da sociedade á que din representar.

As denuncias de trato de favor contra a señora Ayuso poñen de novo no candeleiro a relación entre os que detentan o poder e os seus amigos, achegados e compañeiros de partido. O asunto non é nada novo. E os populares deso saben moito pois hai sentencias en firme que os condenan por unha maneira de actuar tramposa e corrupta. Mais, o que nestes días está a acontecer ven amosar a maneira de actuar dun amplo sector social, sector que funciona buscando sempre atallos para obter beneficios particulares.

Si para os sectores da esquerda e do tan denostado progresismo, a corrupción é un cancro que ten unha raigame fonda na nosa sociedade; para outro sector moi vinculado á dereita non é máis ca unha forma case normal de relacionarse. E por eso non castiga co voto ó que nós lle chamamos caciquismo e as corruptelas que del se derivan.

O certo é que a dereita e, en concreto, os populares, neste asunto, cando falaban de comenzar unha etapa nova, parecen pouco cribles. Pois nunca dan fuxido desa maneira de actuar que os persigue e marca en moitos máis lugares que en Madrid.

E xunto con este tema está a política errática que levan dende hai un tempo; polo que vense abocados nunha crise que lles cuestiona moitas cousas. Primeiro, cuestiona o seu centrismo, pois no canto de absterse na reforma laboral e noutros temas sociais votaron contra o que beneficiará a milleiros de cidadáns. Cuestiona tamén o seu liderazgo, pois en pouco se distinguen da extrema dereita que lle pisa os talóns electorais. Levan unha política moi errada falando mal de España no seo das institucións europeas, e así poderíamos seguir enumerando casos. Mais, coa vitoria raquítica nas eleccións de Castela e León, a crise desatouse dunha maneira escandalosa.

E no medio desta lea aparece a sombra do populismo político, no que pesan máis os sentimentos que as posturas reflexivas. Polo que camiñamos cara a bipolarización e as posturas antagónicas no Estado e iso non é bo.

Por último, cada día percíbese con mais claridade que o populismo que lanza mensaxes curtas e sinxelas e que maiormente apela ós sentimentos é un problema serio que agocha a verdadeira faciana dos que o promoven. Agocha un programa que non se quere ensinar por ser antisocial e fondamente reaccionario.

En fin, estes días coa crise do PP, estamos a ver a faciana Trumpista que encarna Ayuso para tentar xuntarse ou coaligarse cos acólitos de Abascal. E nese asunto fratricida veremos o que lle pode afectar a Galicia, pois Feijoo tamén está nesa lea e aparece como posible solución transitoria nos populares. Esperemos acontecementos que seguro nos afectarán como galegos.

Te puede interesar