Opinión

A culpa sempre é dos outros

Estou ben seguro que non pasarán moitos anos para que moitos ourensáns se decaten da desfeita que acontece no goberno do Concello encabezado por Jácome e os seus colegas. O que está a acontecer nesta etapa escura de desprestixio da institución municipal ourensá comenza a ser visibel e as consecuencias que diso se deriven pagarémolas todos.

No último pleno do Concello, o noso ilustre alcalde tirou de verborrea para culpar a funcionarios cualificados acusándoos de moi puntillosos, tiquismiquis e de non saberen o que asinan cando emiten informes. Seguindo esa liña, tamén cargou cotra á oposición, pois a culpa é deles. O cherif, como o alcuman algúns, tirando de retranca, nunca ten culpa de nada. El está por riba do ben e do mal. A culpa sempre é dos outros. Ou se o prefiren, é do cha cha cha. Convén refrescar a memoria e lembrar o que facía e dicía Jácome cando estaba na oposición. Sen entrar nas espantadas que daba naqueles plenos onde denunciaba a todos ou os levaba ós tribunais, pedía dimisións cunha vehemencia que arrepiaba e facía circo para gañar audiencia. Chegou a ascender como se fora o don Celedonio da novela “A esmorga” de Blanco Amor. Compre lembrar o que facía cos votos e o aplauso do seu grupo opóndose a aprobarlle os presupostos a Jesús Vázquez durante tres anos. El denunciando e pedindo dimisións dunha maneira implacable; era todo un salvador do Concello que estaba invadido por escuros ladróns. Jácome era a estrela daqueles plenos onde actuaba como se fora un artista de teatro interpretando un sainete cómico.

Despois veu a súa chegada ó poder da man do Partido Popular; e axiña veu espantada dos seus compañeiros, a paralización da vida no Concello, pois quedou no goberno con tres persoas. Máis Jácome, tan proclive a pedir dimisións nos anos anteriores, mirou para outro lado e aguantou agarrado ó poder como se fose unha lapa. E eso que lle pediron nunha manifestación milleiros de ourensáns que se fora. A oposición, que non tivo a valentía de sacar á xente a rúa, permitiu que o alcalde collera folgos e seguira na cadeira de mando cos seus axudantes, e aguantoulle estoicamente insultos e descualificacións.

Agora, pasada a exitosa quentura do reparto dos dez millóns de euros en vales de 100 a costa das arcas do Concello e dalgunha inversión na rúa Concordia e na rúa Bedoya, moitos ourensáns quedaron abraiados pola fermosura das pedras do chan, e o ínclito recibiu un respaldo electoral importante, que non maioritario. E o fiasco e o circo no Concello seguen con máis forza. Co fracaso de Cabezas e Rodríguez, coa imposición do ordeno e mando do PP de Compostela e a pouca valentía dos concelleiros do PP que, cabeza gacha, obedeceron, chegamos ó día de hoxe.

Máis as evidencias comenzan a saír á luz, e as carencias e formas de actuar empezan a amosar que na Casa Consistorial as irregularidades son a norma e o pan de cada día. A estratexia de acusar ós demais do que un non fai, ou o fai moi mal, empeza a ser un bochorno para a cidade e para todos os ourensáns. Acusar a funcionarios nun pleno e non deixalos falar amparándose na súa autoridade é vergoñento, e a actitude dunha persoa que semella un aprendiz de ditador sae á luz con toda claridade. E nese camiñar sen rumbo aparece o paraugas do PP, partido que semella non saber vivir sen estar no poder. Non sería raro que logo chegue a un acordo para que lle dean algunha concellería e sumarse ó descalabro do que acontece en Ourense.

En fin, vivimos tempos escuros e de despilfarro no Concello de Ourense. Nunca na época democrática se gastaron tantos cartos en colocar amigos arredor dun alcalde que criticaba ós demais de despilfarro e ladroízo. Abran os ollos os que aínda non se decataron de que o Concello vai cara a ruína total, porque a culpa nunca é de Jacome nin dos seus concellais, é dos demais.

Te puede interesar