Opinión

As debilidades da democracia

Cando no canto da racionalidade mandan os impulsos máis primitivos, o que acontece non debe estrañarlle a ninguén. Feijoo, o presidente da Xunta e mandamais do PP galego, deixouno clariño dado que xa percibía quen era o persoeiro: “Jácome será letal para Ourense”, dixo. E non se equivocou. Claro que, o máis triste é que quen isto afirmou agora plégase ante o sr. Baltar e traga este sapo. O presidente provincial non quere darlle á alcaldía á forza que gañou as eleccións, nin porlle fin a este desatino. E non sabe como saír desta lea que, día a día, amosa un triste espectáculo que enmerda a vida local.

Pero como a moción non chega e, despois de maio, xa non se pode facer, a situación seguirá empeorando e xa veremos onde nos leva. Soamente queda que os edís empecen a gorrazos contra un señor que desfruta facendo acusacións sen fundamento e expulsando ó insultado do pleno. E faino como se fora un neno que xoga co poder. Como se fora un rapaz que desfruta tentando que cale á oposición cando non está dacordo cos seus caprichos e parvadas.

Doce mil e pico votos apoiaron ó grupo que naceu do conto e do insulto permanente nos plenos e nun medio audiovisual. Si, doce mil e pico. Denunciar e dicir que no Concello todos roubaban era a única mensaxe. E milleiros de inxenuos, e algúns dos que dicían “dale caña Gonzalo!”, viron un salvador que prometía o ouro e o mouro. E a democracia, ese réxime fermoso que ten moitas debilidades, quedou enmerdado. E agora, facemos o ridículo en todo o Estado. Cantas cousas máis teñen que acontecer para que se pare este esperpento? A democracia amparada na liberdade permítelle ós seus inimigos estar dentro co afán de desfacela e pervertila. E ten pouca capacidade para actuar contra os individuos que non amosan cultura, nin educación e que carecen de ética e principios.

Con todo, agora que a Deputación xa está amarrada neste mandato, non atino a pensar por que os populares non teñen a valentía de facilitar unha moción que poña fora da alcaldía a quen, aproveitando o posto, insulta e agrede de palabra a un concelleiro desa corporación. E o máis triste é que, segundo dixo o presidente provincial, a culpa tamén é da oposición.

De todos os alcaldes habidos en democracia nesta cidade, nunca houbo un que traspasara tantas liñas co seu insulto e desvarío. Nunca houbo unha persoa que maltratara á institución desta maneira. Non sei cal será a reacción dos ourensáns cando sexan chamados a votar de novo. Mais votar por impulsos e por cabreos lévanos a cometer moitos erros. Por iso que, moitas veces, doe escoitar nas conversas que todos son iguais e que todos teñen a culpa da situación actual. Todos, non.

En fin, as debilidades da democracia son moitas. Por iso, cando a racionalidade queda supeditada aos impulsos máis primitivos, pasan estas cousas, e aparecen os pufos vestidos de caudillos e salvadores. Aprendamos do presente para non errar outra vez máis.

Te puede interesar