Opinión

Descoñecen o que berran e chatean?

Segundo a prensa, os alumnos dun colexio na Rioxa que prepara futuros mestres, tiñan un chat moi concorrido no que empregaban unha sarta de insultos e verbas mal soantes contra as mulleres. Hai uns meses, noutro colexio maior tamén se berraban insultos contra as mulleres mentres en todo o edificio apagábanse as luces como mostra de apoio a tales alaridos. E, recentemente, na xornada pasada da xuventude católica en Portugal, uns mozos españois berraron con moita forza: “Que te vote Chapote!” e logo cantaron o “Cara al Sol”, himno falanxista de triste lembranza. Todo na presencia do papa Francisco. Polo que o tema ten a súa importancia, xa que ademais de ser unha mensaxe que vai contra a doutrina que o papa predica, amosa que, nalgúns círculos que levan a bandeira de certo clasismo social e en colexios onde se preparan ós futuros mestres e moitos mozos que aspiran a seren dirixentes políticos e cargos de importancia da vida pública, fanse esas barbaridades que, segundo din, son moi habituais. Estamos diante colexios de certa elite onde debían inculcarse, entre outros, os valores da tolerancia e a igualdade entre homes e mulleres. Mais semella que nalgún destes centros amosan unha clara manipulación do que aconteceu na confrontación civil española, pois faise valer como única e verdadeira a visión histórica dun conflito civil que da por bo o que se promocionou dende a oficialidade daquel réxime: a dos vencedores.

Sempre mantiven que quen non coñece o pasado, ou sabe del unha versión de parte, acaba dándolle categoría de verdade absoluta ó que lle contaron dende esa visión. ETA xa hai mais dunha decena de anos que deixou de matar, e seguir co eslogan que nas eleccións promocionou o PP para ir contra o Goberno, e ademais facelo na xornada internacional da xuventude, indica que, neses círculos, a intencionalidade política de parte é unha evidencia. Sinala tamén que hai unha falla de sensibilidade e respecto para as vítimas e, por último, indica que todo vale co fin de atacar ó adversario político, aínda que sexa dende outro país. Non sei se moitos dos rapaces que eso berraron eran conscientes do que facían. Tampouco sei se os mozos que no seu chat tratan as mulleres como obxecto de apetencia sexual o fan con plena conciencia ou andan a xogar como se fosen xente sen caletre nin razón.

Ese feito e outros semellantes que acontecen en España marcan unha tendencia, unha ola que non acepta a igualdade entre homes e mulleres como algo que está implícito nas leis e na constitución. Esquecer ou aceptar unha visión de parte do acontecido na Guerra Civil, na ditadura e tamén na II Guerra Mundial, soamente se xustifica coa intención de terxiversar feitos históricos e alimentar as negras sombras do totalitarismo ideolóxico, do odio ó diferente e do racismo. Todo para ir contra a sociedade democrática.

A Igrexa, coas súas virtudes e erros, que non son poucos, cos seus predicamentos e silencios, debía desautorizar e censurar eses berros e insultos diante do papa; debía aparecer como unha muralla fronte a intolerancia e contra o totalitarismo que no fondo desas manifestacións e berros se agocha.

Dá a sensación que un novo andazo ideolóxico ameaza a unha sociedade como a nosa. Se as persoas que están chamadas a ser os guías e a transmitiren coñecementos non saben controlar os seus impulsos primarios, ou non aceptan e dan por boas verdades de parte, nun futuro tragarán os ditados dos inimigos da igualdade entre homes e mulleres; ou dos que non aceptan a tolerancia, o respecto e a discrepancia ideolóxica. Os hoxe alumnos, e futuros mestres, deberían ser moito máis cautos, prudentes e conscientes co que manifestan, cantan, chatean ou berran. Nas súas mans estará transmitir coñecementos e valores ás novas xeracións. 

Te puede interesar